A ofensiva lexislativa do Bloque pide excluír ao sector do artigo 20 da Lei de cambio climático e a transferencia da xestión e ordenación do litoral
Santiago de Compostela, 12 de setembro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón e o deputado Nestor Rego mantiveron un encontro coa dirección de Anfaco-Cecopesca, encabezada por Enrique Vieites, no que abordaron a afectación para o sector mar-industria da Lei de Costas e da Lei do Cambio climático. Precisamente para preservar un sector estratéxico para Galiza, o BNG impulsa no Parlamento unha ofensiva lexislativa cunha dobre proposición de lei que elimine a inseguridade xurídica e as incertezas que está provocando no sector.
A primeira para reclamar a transferencia e xestión da costa, “porque quen mellor coñece o noso litoral somos os galegos e as galegas e porque esa xestión e ordenación hai que facelas atendo á singularidade da nosa costa”, explicou Pontón, quen destacou que “tratar igual o que é diferente é unha discriminación, a realidade do noso mar non é a do Mediterráneo, e iso é algo que parecen non entender cando se toman as decisións nun despacho en Madrid a seiscentos quilómetros”.
A segunda proposición non de lei que avanzou Pontón ten como obxectivo que o sector mar-industria quede excluído da aplicación do artigo 20 da Lei de cambio climático, “porque no caso de Galiza pon en risco moitas actividades económicas que precisan estar na costa”, indicou, tras trasladar todo o apoio do BNG ao sector, co que coincide na demanda de que a normativa debe dar seguridade e certezas.
En todo caso, a líder nacionalista deixou claro que a excepción que propón a súa formación cínguese exclusivamente ao sector mar-industria, non a outras actividades económicas que, como no caso de ENCE, poden desenvolverse fora da liña de costa.
“No Bloque estamos comprometidas coa loita contra o cambio climático pero é perfectamente compatible coas actividades do tecido produtivo mar-industria”, recalcou, solicitando corrixir os aspectos “lesivos” da lei adoptadas sen ter en conta as peculiaridades da costa galega.
A líder nacionalista confía en que as iniciativas lexislativas que propón o BNG conten co apoio unánime da Cámara a favor dun sector que tamén está soportando a crise de prezos e precisa seguridade xurídica fronte a determinadas decisións normativas que impulsa o Goberno do Estado e mudar e facilitar que as empresas podan facer investimentos, crear riqueza e emprego.
“Esperamos a unanimidade e que o apoio de todas as forzas tamén se traslade ao Congreso, porque é unha cuestión central que o que votemos en Galiza sexa o mesmo que despois se vota en Madrid pois é a única forma de defender os nosos intereses e os dun sector clave para o País en termos económicos e de creación de emprego”, concluíu.