Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide a PP e PSOE compromiso para facer valer na Xunta e no goberno do Estado os acordos en defensa da pesca aprobados no Pleno

A Deputación de Lugo dá o seu respaldo á ILP de medidas urxentes para fortalecer a Atención Primaria, a iniciativa do BNG

Lugo, 27 de setembro de 2022. O BNG pediu a Partido Popular e PSOE compromiso para executar desde a Xunta de Galiza e desde o goberno do Estado as reclamacións necesarias para frear o veto á pesca de fondo en 87 zonas de pesca entre o Golfo de Cádiz e o Gran Sol imposto pola Comisión Europea.

A deputada Mónica Freire, responsable da área de Medio Rural, Mar e Mocidade, demandou esta actuación conxunta durante o debate dunha moción de apoio ao sector fronte ao veto da CE, aprobada por unanimidade no Pleno provincial.

A deputada mariñá explicou que “a decisión da Comisión Europea suporía a expulsión da frota galega de fondo de caladoiros nos que faenan podendo reducir ata nun 75 % as súas capturas” e advertiu “das consecuencias para o sector, especialmente na comarca da Mariña, pola actividade económica que xeneran os portos de Celeiro e Burela, con barcos que se dedican ao pincho, ao arrastre e á volanta”.

Na defensa da moción, lembrou que “a frota galega traballa baixo unha estrita regulación e control, cumprindo coas normativas de aplicación á súa actividade“ e criticou as eivas do regulamento da Comisión Europea “totalmente desproporcionado, pouco fundamentado e proposto de xeito indiscriminado para todas as artes e frotas”.

Con eses argumentos, Mónica Freire pediu ao goberno do Estado “responsabilidade con Galiza” e á Xunta “ser útil ao sector pesqueiro”, afeando que a Consellería do Mar se limitase ata o momento “a mandar unha folla de recollida de sinaturas aos alcaldes e alcaldesas onde se lles pide recabar sinaturas para apoiar un manifesto, que é do 5 de xullo, e que trata basicamente sobre a defensa da Política Pesqueira Común e da propia Comisión, que é xustamente a que nos está arruinando”.

A deputada nacionalista concluíu incidindo na necesidade “de autogoberno e capacidade política” para defender os intereses da frota galega ante a Comisión Europea e “dunha revisión da política pesqueira común, para reformala por completo e poñela ao servizo do sector”.

Apoio á ILP de medidas urxentes para fortalecer a Atención Primaria

O grupo provincial do BNG tamén sacou adiante a moción de apoio a ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria, que está a impulsar tamén con accións a pé de rúa, organizando recollidas de sinaturas en localidades das distintas comarcas.

A proposta, aprobada malia a oposición do Partido Popular, recolle as actuacións necesarias para garantir unha asistencia de calidade no sistema sanitario público. Entre elas, incrementar o persoal sanitario e administrativo dos centros de saúde; redimensionar os cadros de persoal incorporando novas categorías profesionais aos equipos como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá ou logopedia para desmedicalizar a atención e ofrecer unha asistencia integrada; recuperar as Xerencias de Atención Primaria para dotalas de capacidade de planificación e autoxestión ou incrementar o orzamento de Atención Primaria ata alcanzar o 25% do total.

O voceiro nacionalista Efrén Castro valorou o voto en contra do Partido Popular como unha mostra da folla de ruta do PP, “sanidade privada e rebaixas de impostos aos que acumulan patrimonio” e reiterou a demandas do Bloque Nacionalista Galego: “inversión para que haxa profesionais ben remunerados e en condicions dignas e repercuta nunha atención maioritariamente presencial e de calidade”

Exit mobile version