Lugo, 23 de setembro de 2022. O BNG levará ao vindeiro pleno provincial, a celebrar o vindeiro martes, unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria.
A través da proposta, a formación nacionalista pedirá o apoio explícito da Deputación de Lugo á ILP promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que recolle as actuacións necesarias para garantir unha asistencia de calidade no sistema sanitario público. Entre elas, incrementar o persoal sanitario e administrativo dos centros de saúde; redimensionar os cadros de persoal incorporando novas categorías profesionais aos equipos como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá ou logopedia para desmedicalizar a atención e ofrecer unha asistencia integrada; recuperar as Xerencias de Atención Primaria para dotalas de capacidade de planificación e autoxestión ou incrementar o orzamento de Atención Primaria ata alcanzar o 25% do total.
O voceiro nacionalista Efrén Castro sinalou que “o Partido Popular leva anos recortando os recursos da Sanidade Pública Galega, especialmente na Atención Primaria, deixando ás veciñas e veciños da provincia sen a atención que precisan e levando o sistema público a un risco real de desmantelamento e privatización” e desde “o BNG entendemos que temos que frear estas políticas, tanto desde o ámbito social como desde o institucional”.
Ademais de impulsar a ILP nas institucións, con mocións tamén nos concellos, o BNG está participando activamente na campaña de recollida de sinaturas de apoio á ILP con accións a pé de rúa en localidades das distintas comarcas, que están a obter unha gran resposta por parte da veciñanza.