Rosana Pérez recrimina á conselleira de Pesca que “diga por un lado e faga por outro”, vaia a rebufo do Estado e siga sen liderar a defensa do sector
Pérez recriminou así á conselleira de Pesca durante a súa comparecencia no Parlamento que condicionase a presentación do recurso da Xunta só no caso de que non o presente o Goberno do Estado. “Vostede, señora conselleira, é a ministra de Pesca deste País, a máxima responsable e vostede é a que ten que estar á fronte, liderar e encabezar a loita contra esta gravísima decisión e non ir a rebufo”, reprochou con rotundidade, para afearlle a continuación que o Executivo galego leve meses anunciando a presentación dun recurso que nunca fixo efectivo.
A deputada nacionalista criticou ao Goberno do PP que “diga por un lado e faga por outro” e recordou que, ademais de non presentar o recurso que anunciou en reiteradas ocasións, se negue a convocar o Consello Galego de Pesca para organizar unha fronte común e unha resposta unitaria do sector do mar e do tecido social do País diante deste “grave golpe” que supón a prohibición da pesca de fondo e que, segundo enumerou, afecta directamente a 106 barcos de capital galego no Gran Sol, a 101 do denominado “caladoiro nacional” e indirectamente a arredor de 400 barcos de artes menores afectados na Coruña, outros tantos en Pontevedra e 70 en Lugo.
“Non creo que nin vostede, nin eu, nin ninguén esteamos nin a milésima parte de afectados e afectadas que están todas as persoas que van ter que vir para a casa, nin a milésima parte que os mariñeiros, os patróns, os armadores, as lonxas e os concellos que están verdadeiramente afectados”, díxolle á titular de Pesca logo de recordarlle que mentres ela mesma “se laiaba e criticaba a decisión de Bruxelas”, o presidente da Xunta estaba anunciando en rolda de prensa, “sen ningún tipo de sensibilidade e como se non pasase nada no sector pesqueiro”, a primeira plataforma eólica mariña enfronte da Coruña “sen o respaldo do sector e sen o aval do Observatorio Galego de Pesca”.
De igual xeito, Pérez reprochou que o grupo parlamentario do PP rexeitara a proposta de declaración institucional do BNG en defensa do sector pesqueiro galego ante a decisión comunitaria e que, “recibindo ordes da consellería”, pretendese cambiar o texto da proposta nacionalista polo manifesto do Consello Galego de Pesca no que se loa “unha política pesqueira común que é a que precisamente nos trouxo ata aquí, precisamente a este momento no que estamos”. “Unha cousa é este manifesto e outra a defensa do sector e estar en contra da decisión da Comisión Europea”, concluíu.