Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro solicita ao Resurrection Fest a súa colaboración para a instalación de focos permanentes en Lavandeiras

Viveiro, 2 de setembro, 2022. A concelleira e portavoz municipal do BNG, Míriam Bermúdez, púxose en contacto coa organización do Resurrection Fest para que valore a posibilidade de contribuir dotando dun novo servizo o campo de Lavandeiras, en Celeiro.

En concreto, Míriam Bermúdez traslada á organización do festival a posibilidade de que as torretas de iluminación, que tenden a instalar ano tras ano no campo de Lavandeiras, se faga de forma permanente con estruturas resistentes e estables.

“Desta forma, o campo de Celeiro podería contar con iluminación permanente ao longo do ano para calquer práctica deportiva e outros eventos, incluso restar tempos de montaxe e desmontaxe ao festival quedando este recinto máis tempo dispoñible para a veciñanza,” incide Míriam Bermúdez, quen tamén destaca “beneficios para a organización do festival, pois aforraríase montaxe e desmontaxe anual destas torretas de iluminación.”

O BNG propuxo á organización do Resurrection Fest facerse cargo da instalación destos focos de gran tamaño, baixo un acordo que se asinaría co Concello de Viveiro para que este se encargue do proxecto, xestións e mantemento das mesmas. Míriam Bermúdez non ten nin a máis mínima dúbida de que será unha iniciativa beneficiosa para todas as partes.

Tamén cabe recordar que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo gobernada polo BNG e con Efrén Castro como deputado de deportes, está en trámites para dotar de vestiarios o campo de fútbol de Lavandeiras, estudando e consensuando a ubicación exacta coa organización do Resurrection e a asociación deportiva Celeiro Club do Mar, para que todos poidan desfrutar dos mesmos. Do mesmo xeito que se pensa na organización do festival para acomodar estes vestiarios, pídese agora a súa colaboración con estas luminarias.

Exit mobile version