Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo segue defendendo a sanidade pública

Ribadeo, 23 de setembro, 2022. O día 4 de agosto o BNG chamou ás veciñas e veciños de Ribadeo a unha concentración diante do Centro de Saúde en defensa da atención primaria e da sanidade pública. A grandísima participación puxo de manifesto a enorme preocupación e indignación por esta situación de abandono e deterioro. Como non se mellora, son moitas as persoas que demandan máis protestas.

Cada un sabe as súas, como reza o dito popular, mais cada vez sabemos mellor que o que ocorre non é nada persoal; trátase dun problema colectivo. A situación cada vez máis calamitosa é padecida e coñecida por máis persoas, ben porque lle toca directamente, ben porque lle toca a alguén de cerca.

Quen non coñece alguén que está nunha listaxe de agarda hai varios meses e non sabe cando a van chamar e para cando? Quen non tivo que esperar varios días para ser visto no seu centro de saúde? Quen non acabou desistindo e foi á privada, desembolsando unha boa cantidade por algo ao que ten dereito e xa pagou cos seus impostos? Quen non se viu na situación de non poder traballar por non acabar de solucionar os seus problemas de saúde?

Este verán, en Ribadeo soubemos moi ben como vai todo isto: houbo un momento en que no PAC había un médico para atender toda a área, que comprende tamén os concellos de Barreiros e Trabada, e os deprazados. En canto ás médicas de familia, de 7 estiveron traballando moitos días só 2; outras veces, 3 ou 4. As baixas médicas xa hai moito tempo que non se cubren; e as vacacións, tampouco. Tamén xa hai anos que non existe o reforzo no verán para as persoas desprazadas.

Non estamos só ante un problema para a saúde e a vida das persoas. É tamén un problema laboral, pois a non atención sanitaria en boas condicións e coa necesaria celeridade fai que moitos traballadores pasen máis tempo do debido de baixa, ou sen poder incorporarse a un posto de traballo, coa conseguinte penuria ou merma económica para elas e gasto para a Seguridade Social.

Non debemos esquecer a situación pola que pasan as traballadoras e traballadores da sanidade, con xornadas maratonianas, moito estrés ao non ter suficiente tempo para cada paciente, e condicións de traballo pouco dignas nun grande número de casos. Levamos anos demandando mudanzas na formación dos nosos profesionais e na mellora das condicións laborais, sempre coa finalidade de ter suficiente persoal e evitar que busquen fóra o que aquí non encontran. Mais as políticas sanitarias do Partido Popular sempre foron por outro camiño, e sempre, dunha maneira ou outra, acaban beneficiando a sanidade privada, que cada día agranda a súa capacidade e beneficios. Queren que a nosa saúde, a nosa vida, sexa un negocio, e que nós paguemos dúas veces polo mesmo dereito.

As protestas e demandas seguen: o día 27 deste mes recolleranse asinaturas, diante do centro de saúde, para conseguir levar e debater no Parlamento de Galicia a “Iniciativa Lexislativa Popular sobre medidas urxentes para a Atención Primaria”, ILP que simpulsou a Plataforma pola Sanidade Pública e SOS Sanidade Pública. Asimesmo, o BNG de Ribadeo convocará unha nova concentración de protesta o día 6 de outubro. Temos que facernos valer, tanto a nivel individual, facendo as correspondentes reclamacións, como colectivamente.

Exit mobile version