Ribadeo, 16 de stembro, 2022. Un domingo máis (o día 11 deste mes), na praza do mercado de Ribadeo, poidemos mercar directamente ás produtoras produtos alimentares producidos nas proximidades de onde vivimos. E isto acompañado dunha actuación musical, que fixo que o feito de comprar algo ás/aos nosas viciñas tivese tamén un compoñente social e cultural.
Este tipo de iniciativas, promovidas e/ou apoiadas polo equipo de goberno do BNG do concello de Ribadeo, teñen unha grande importancia porque fan visíbeis as persoas que producen alimentos de moita calidade nos nosos arredores. Así, a poboación en xeral vai entendendo e asumindo que é posíbel consumir produtos de proximidade, de moito valor e máis baratos, e que o seu transporte ou comercialización non implican un problema ecolóxico ou de sustentabilidade.
A coordinación e dinamización dos distintos sectores, asociacións ou entidades é moi necesaria. Isto é un dos obxectivos do programa Eo Alimenta, no que o concello de Ribadeo participa activamente. Articular os procesos de produción e venda a pequena escala de alimentos, coa idea de camiñar cara un sistema alimentario máis sostible no noso territorio, ese é o desafío deste programa. E nese camiño están actividades como o FestivalEo da alimentación Sustentable, do que o noso concello vai ser anfitreón os próximos 23 e 24 deste mes, venres e sábado desta semana que entra.
Defender e apoiar a produción e o comercio locais supón tamén crear, participar e colaborar activamente con todas as institucións ou organizacións relacionadas con este sector. Por iso non debemos esquecer a importancia da formación, tanto informal como regrada. E no noso concello temos a sorte de contar con un centro de formación agraria, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias. Combinar os dous tipos reforza e amplía os resultados.
Por suposto, estamos tamén a falar de manter o noso rural vivo, e no que haxa interese en vivir e/ou traballar. Conseguir iso implica incidir en moitos campos. Tamén no dos servizos que se ofrecen (estradas en bon estado, telefonía, atención á dependencia, dinamización cultural…). E niso está empeñado o equipo de goberno do BNG do concello de Ribadeo, en loitar contra o abandono do rural ao que ven sendo sometido desde hai décadas coas políticas (ou falta de políticas) do PP no goberno da Xunta.