Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz aclara ao voceiro do PP que o goberno municipal traballa cos técnicos no urbanismo e cualifica de electoralistas as súas críticas sobre as licenzas de obra

Foz, 6 de setembro de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, cualifica de “arroutadas electoralistas os exabruptos” do voceiro do PP, Javier Castiñeira, sobre as licenzas de obra e aclara: “a nosa preocupación é que proxectos e expedientes saian adiante, pero as críticas sen fundamentar e con mentiras non merecen a nosa consideración. Agora o voceiro popular dispara contra o goberno municipal polos expedientes de urbanismo. Pero a realidade é que nos puxemos mans á obra desde o minuto un, suplindo unha baixa médica do técnico encargado de facer os informes cunha acumulación de tarefas con outro concello e coa asistencia da Deputación e nesas seguimos”.

Ademais Fran Cajoto explica: “atendemos todos os expedientes de urbanismo e aqueles que non son aprobados son por cuestións e criterios técnicos incluídos nos informes. Que non enrede e diga a verdade: neste goberno non nos movemos por intereses particulares”.

O rexedor municipal engade: “estamos traballando cun PXOM aprobado polo goberno local anterior con moitas deficiencias, con dificultades para construír no solo cualificado como urbano nas parroquias e completamente bloqueado en zonas como Cordido. Fixemos as xestións necesarias para a legalización da captación de Cordido con diversas reunións ante Augas de Galicia, reunións ás que o señor Castiñeira rexeitou acompañarnos a pesar da influencia que se lle presupón ante a Xunta. Incluso intentou bloquear cunha denuncia persoal ante o xulgado o aglomerado do estacionamento do cemiterio de Foz. Se todos eses esforzos negativos os canalizara en traer cousas para Foz íamos agradecerllo todos. Non esperabamos moito: nas eleccións anteriores presentouse sen programa de goberno, sen un proxecto para Foz. Descoñezo se se vai volver presentar, nin me incumbe, pero que non conte mentiras”.

Exit mobile version