Site icon Crónica3.com A Mariña

“Non todo vale en política”, por Mónica Freire

Semella que o goberno de Ribadeo avanza na dirección contraria aos intereses do Partido Popular. As últimas declaracións do seu voceiro municipal amosan un nerviosismo que trasloce a súa incapacidade para achegar propostas e representar os intereses da veciñanza.

Eu podería caer na demagoxia e dicir que o voceiro do Partido Popular cobra máis do que merece, tal e como el me dixo a min fai uns meses nun pleno municipal, pero non o vou facer desde logo. Os seus case 73.000 € de soldo anual probablemente estean ben xustificados, e se deban ás moitas responsabilidades que ostenta. E de seguro que son ben importantes, porque recibe nin máis nin menos que a mesma remuneración que un Ministro do Goberno de España.

O que si quero, e debo, recordarlle ao voceiro do Partido Popular é que na política desde logo, non todo vale.

Non vale mentir, como cando dixo que a Xunta rehabilitara o colexio público cos seus fondos, facéndose fotos diante dun falso cartel, sabendo en realidade que a obra se pagou con fondos europeos transferidos polo Goberno do Estado á Comunidade Autónoma.

Non vale falsificar identidades que non lle corresponden, como cando intenta vender de maneira tardía, iso si, as poucas inversións que a Xunta de Galicia fai en Ribadeo, pretendendo ser o que non é.

Non vale enganar á veciñanza de Ribadeo, como cando repite ata a saciedade en varios plenos municipais que vai conseguir diñeiro para o acondicionamento da Estrada dos Garitos, aportando finalmente 0 € a unha obra financiada na súa totalidade polo Concello e a Deputación de Lugo.

Non vale suplantar a representación de Administracións nas que non ten ningún cargo e nas que non xestiona absolutamente nada, como cando se mostra como un pseudoconseguidor de non sabemos moi ben que.

Non vale, desde logo, traizoarse a un mesmo, pensando en que un o sabe todo, sen considerar os seus propios límites e actuando cunha total falla de humildade e honestidade. E na política, tampouco valen a hipocresía, a falacia nin a falta de integridade.

Eu como parte da equipa de goberno de Ribadeo, seguirei traballando xunto cos meus compañeiros e compañeiras en desenvolver tódolos proxectos que aínda nos quedan por executar. Proxectos que inciden na creación de espazos públicos de calidade, accesibles, seguros e con usos plurais.

E farémolo, malia a discriminación e ao cinismo dun goberno da Xunta de Galicia para con Ribadeo, e que de facto, e mentres asina convenios millonarios con outros concellos afíns, segue sen atender as súas responsabilidades, derivando aos concellos competencias que lle son propias, sen dotalas dos recursos correspondentes. O Concello de Ribadeo xestiona dúas residencias de maiores, cobre o deficiente financiamento do SAF ou asume o cumprimento da Lei de Prevención de Incendios, por poñer só uns exemplos.

Seguiremos actuando en rúas, prazas, parques infantís, espazos deportivos, locais sociais e na rede viaria municipal, compaxinando o avance na transformación necesaria coa urxencia de atender as demanda concretas da veciñanza, e seguirémolo facendo a pesar que ao partido popular non lle guste.

Mónica Freire Rancaño
Concelleira de Obras e Servizos Sociais de Ribadeo

Exit mobile version