Medio Rural apoia un ano máis a celebración do evento, organizado polo Concello de Muras coa colaboración de Puraga
Manuel Requeijo destacou a variedade do programa que suma “ao mercado de compra e venda de gando cabalar e vacún diferentes actividades e espectáculos para divertir e entreter a todas as persoas que non teñan un interese directo na gandeiría” e avanzou que “o Concello está a traballar para que a Feira, que é de Interese Turístico Galego, sexa distinguida como Feira de Interese Turístico Nacional”.
O alcalde murés tivo palabras de recoñecemento para “as gandeiras e gandeiros que se implicaron na feira ao longo dos anos, que son parte fundamental de que hoxe poidamos falar dunha feira consolidada e de referencia en Galicia”. Varios dos seus testemuños recóllense nun vídeo que se difundirá a través das redes sociais do Concello de Muras a partir desta tarde.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire ratificou o apoio á Feira e valorou a súa “repercusión no ámbito económico e produtivo”, pero tamén “a oportunidade que supón para sensibilizar a toda a sociedade, non só ás persoas que viven e traballan no sector, sobre o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte. É importante que percibamos a importancia desta actividade para o equilibrio territorial e para unha produción alimentaria de calidade e proximidade”, apuntou.
Isabel Casariego repasou as actividades que se levarán a cabo desde Puraga para dar a coñecer os animais de Pura Raza Galega como un concurso morfolóxico, carreiras de cabalo marchador e bautismo hípicos , e puxo énfase en convidar “á degustación gratuíta de carne de poldro que se ofrecerá na Feira”, e coa que pretenden promocionar o consumo deste produto, que se comercializa co selo 100×100 Raza Autóctona.
Pola súa banda, Benigno Gómez, deu conta da ruta que organizarán desde a Atila Amigos dos Cabalos, con saída desde Muras cara ao Alto da Gañidoira, onde se sumarán á Feira.
Feira do Poldro e do Gando de Monte: programa
· 10.00h. Apertura da feira
· 10.30h. Cualificación do gando
· 11.00h. Exhibición de cantería tradicional
· 11.00h. Concurso morfolóxico Puraga
· 11.30-14.30h. Inchables e touro mecánico para nenos. Gratuítos.
· 12.00h. Exhibición de escultura de madeira con motoserra
· 12.00-14.00 e 16.00-18.00h. Bautismo hípico Pony Club. Actividade infantil gratuíta
· 12.30h. Degustación de hamburguesa «Gañidoira» de carne de poldro 100 % de raza autóctona
· 13.00-14.00h. Carreiras de Cabalo Marchador Galego (Puraga)
· 16.00h. Carrera de cabalos a cargo da asociación Atila
· 17.00h. Carrera de cabalos federada Jockey Club
· 19.00h. Entrega de premios do CONCURSO DA FEIRA DO POLDRO E GANDO DO MONTE (Maior número de cabezas de gando, Mellor semental cabalar, Mellor egua, Mellor lote cabalar, Mellor cría cabalar do ano, Mellor semental bovino, Mellor vaca, Mellor lote bovino, Mellor cría bovina do ano)