Baixo o título “Luz Pozo Garza”, Toni Deaño, ex profesor do centro, fixo un resumo da vida e obra da poetisa nacida en Ribadeo no ano 1922 e nomeada filla predilecta do Concello de Ribadeo en xaneiro do 2020, pouco antes do seu falecemento. A interesante lección rematou coa lectura dun poema dedicado á nosa vila, que o propio Toni Deaño custodiou por petición da escritora ata a súa publicación en La Comarca del Eo: “Abrín portas de prata” co subtítulo Ribadeo, Ribadeo.
A continuación, e grazas á colaboración do Concello de Ribadeo, a Coral Polifónica dirixida por Mari Carmen Rodríguez Cancelo, interpretou un brillante repertorio no que tiveron cabida a peza africana “Iparadisi”, as habaneras “Casiñas brancas” e “Contos do mar”, a famosa “Terra” das Tanxugueiras e o “Gaudeamus Igitur”, himno universitario por excelencia.
Deste xeito, o instituto ribadense quere contribuir á celebración do centenario de Luz Pozo Garza, que no ano 1952 publicou o seu primeiro poemario en galego, “O paxaro na boca” e que foi merecedora de numerosos premios e recoñecementos ó longo da súa vida. A ela está dedicada a axenda escolar deste curso que xa se repartiu a todo o alumnado e dende o centro queren agradecerlle a Toni Deaño, á Coral Polifónica e ó Concello de Ribadeo a súa colaboración para facer posible esta homenaxe.