A subdelegada e a Alcaldesa de Lugo puxeron en valor o Bono Cultural Xove que conta cun investimento do Goberno de 936.000 euros para os mozos e mozas de 18 anos
Lugo, 27 de setembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe á mocidade lucense a gozar da cultura aproveitando o Bono Cultural Xove que pon a súa disposición o Goberno cun investimento na provincia de 936.000 euros. Son axudas de 400 euros que o Executivo Central destina aos mozos e mozas de 18 anos para adquirir e desfrutar de produtos e actividades culturais. O prazo para solicitalas remata o vindeiro 15 de outubro.
Isabel Rodríguez explicou que na provincia de Lugo 2.341 mozos e mozas poden beneficiarse do Bono Cultural Xove, unha achega implementada polo Goberno para favorecer a industria cultural. A subdelegada subliñou que “esta iniciativa ten un dobre obxectivo: favorecer o consumo cultural entre os máis novos e contribuír á recuperación dun sector tan importante como o das industrias culturais”.
A subdelegada presentou hoxe en Lugo o Bono Cultural Xove, nun acto celebrado na librería La Voz de la Verdad, no que estivo acompañada pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os libreiros, Ana Fandiño e Javier Diéguez.
Neste senso, destacou que esta axuda tamén servirá para dinamizar o comercio de proximidade nos concellos da provincia, ademais, “contribuirá a algo tan importante como é xerar hábitos de consumo de produtos culturais entre a mocidade”.
O Ministerio de Cultura facilita un bono de 400 euros para investir en cultura a todos os rapaces e rapazas que cumpran os 18 anos en 2022. Na provincia de Lugo os beneficiarios potenciais son 1.180 mozas e 1.161 mozos, aos que pediu que aproveiten a oportunidade que lles ofrece o Goberno para acceder a produtos culturais do seu interese.
Prazo aberto ata o 15 de outubro
As persoas interesadas no Bono Cultural Xove teñen ata o 15 de outubro para solicitalo a través da app específica do programa mediante certificado dixital ou chave PIN. Unha vez concedida a axuda, recíbese unha tarxeta prepago virtual para usar a través do móbil que se pode empregar en todas as empresas culturais adheridas ao programa.
Por outra banda, todas as entidades interesadas en vender os seus produtos e servizos aos portadores desta tarxeta poden tramitar a súa adhesión ao programa a través da páxina web do Bono Cultural. Neste caso, o prazo está aberto ata o 30 deste mes.
O bono está dividido en 3 apartados, para fomentar o acceso a diversas expresións culturais:
-200€ para artes en vivo, patrimonio cultural e audiovisuais.
-100€ para produtos culturais en soporte físico como libros, revistas, prensa, videoxogos, discos, partituras, etc.
-100€ para consumo dixital como subscricións a plataformas musicais, audiolibros, prensa dixital, videoxogos en liña, descarga de podcast, entre outros.