Teño que confesar, ademais de que me alegro moito de estar novamente con todos e todas vos, que volvo a actividade cotián, que en realidade non abandonei en ningún momento, pero si tentei que fora un pouco mais mainiña durante o verán, non sei si mais relaxada, teño as miñas dúbidas, pero si francamente abraiada ante certos descubrimentos que sei que se fixeron recentemente grazas a uns sisudos estudos aos que non sei como pagarlles esta nova sabedoría miña, e, para que vexades que non son nada reparada, vou compartir algúns deles con vos.
Imos polo primeiro.
Quen non coñeceu, ou mesmo viviu na súa propia pel, esa experiencia dunha parella, que, despois dun tempo xa prolongado de relación, un dos seus membros semella querer agochala ao seu círculo persoal, amigos, familia, etc, eludindo as presentacións, e chegando mesmo a fuxir de quedar en lugares públicos, ou de facer vida social, optando por verse sempre no eido mais privado, sen testemuñas dos encontros, poñendo, eso si, unha e mil desculpas?.
De toda a vida de Deus, isto cheiraba a can de lonxe, porque estaba claro que algo ocultaba, fora polas razóns que fora, e que o mais prudente para o outro membro da parella era afastarse canto antes, porque, se mirase como se mirase, era evidente que estaba a enganalo ou a enganala, non si?.
Pois agora non, amigos e amigas, agora non!.
Agora, o que está é a facerlle “POCKETING”, así, como o escoitades, “POCKETING”!, un termo moi fino, moi sofisticado, e, sobre todo, moi “english”, xa que procede do vocábulo desta lingua, pocket, ou sexa, peto.
Vaia, que se vos pasa isto, é como se a vosa parella vos levase ben gardadiños no peto para que ninguén vos vexa, que é o mesmo engano de sempre, pero que soa moito mais “glamouroso”, onde vai parar!.
Tamén se pode dar o caso de que un dos dous, un bo día, despois de meses, ou, en todo caso, dunha tempada longa de conversas e mais conversas ateigadas de “querote, “eu a ti mais” e infinitos e cansinos “colga tí”, “non, colga ti”, incontables whatsapps polo estilo e corazonciños acompañando a mensaxes “pastelosas” nas redes sociais, porque agora, polo que se ve, non se concibe unha relación sen que sexa exposta nelas para deixar constancia de tanto amor e tanta paixón ata nas Antípodas e que se decate dela todo quisqui,lles interese ou non, un bo día, sen mais, sen previo aviso, e sen motivo aparente, un dos dous desaparece e corta toda vía de comunicación.
Xa non hai chamadas, nin whatsapps, nin por suposto responde aos que o esquecido ou esquecida lle envía, e o peor, a mais grande das traxedias actualmente!, non hai rastro del ou dela nas redes sociais.
Vaia, o que ven sendo o ir a por tabaco de sempre ou o mais recente “ata logo Mari Carmen”.
Sabedes o que isto significa? Estaredes a dicir que deixou tirado ou tirada a súa parella, que non é quen de dar a cara, ou, sinxelamente, non quere volver a ver a da outra persoa. En resumo, que desapareceu.
Exacto, pero agora hai un termo que o define. Agora, o que está é a facerlle “GHOSTING” !, vamos, que se converteu en pantasma, pero en inglés, que mola moito mais, non si?. Agora é un “ghost”!.
Dito doutro xeito, é a mesma grandísima faena de sempre, pero expresada con moita finura, que non é o mesmo que che dean a patada así, de calquera xeito, que cun toque do “english” mais “cool”.
Pero non pensedes que isto se limita ao eido das relacións, nin moito menos!.
Imaxinade por un momento unha situación que todos vivimos de cando en vez.
Un bo día espertamos con tales pelos que o mesmísimo Espinete, comparado con nos, semellaría ser un acólito ou monaguillo, para entendernos, deses tan ben peiteadiños, que todos recordamos, ou que, a lo menos, vimos nalgunha desas películas antigas, e que, por mais que o tentemos, non somos quen de facer carreira da nosa cabeleira, como non sexa poñernos un sombreiro para que non se nos vexa.
Pois que saibades que, o que estamos a ter, non son uns pelos do demo, se non un “BAD HAIR DAY”, algo así como un día de mal pelo….
Que vos parece ?. Como vos quedou o corpiño?.
Outro mais. Se alguén non vos pode ver, e vos pon a caer dun burro nas redes, non vos insulta,nin vos falta ao respecto….É un “HATER” vaia, que vos odia, pero en inglés, que soa moito mais fino!.
E non creades que estas expresións son as únicas, nin moito menos.
Hai moitas mais, porque semella que agora, o que se leva é expresarse en “Spanglish” para dicir que se descubriron cousas que pasaron, pasan e pasarán toda a vida, pero tentando que parezan novas, e cobrando, claro!.
Pero remata o tempo, e teño que ir pensando no meu “outfit” e no “make up” de hoxe.
Vaia, que me teño que vestir e pintar a pestana para ir a traballar, mais, mentres o fago, vou pensar moi seriamente en poñerme a facer estudos deses para tentar vivir “by the face”!.
E, a todos e todas vos, deséxovos que teñades un “good hair day”.
Bye!.