Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia pide que España presione xunto con outros países no consello de ministros da Unión Europea para que Bruxelas recapacite e free o veto á pesca de fondo

Os Gobernos autonómicos do Cantábrico e Andalucía celebrarán a vindeira semana unha xuntanza en Santander co obxectivo de facer unha fronte común e rexeitar a prohibición aprobada polo Executivo comunitario

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo hoxe a necesidade de que España acuda mañá ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea coa intención de facer presión ante Bruxelas da man doutros países afectados -como Francia ou Irlanda- co obxectivo de que recapacite e free a prohibición da pesca de fondo en preto dun cento de áreas de augas comunitarias publicada o pasado luns no Diario Oficial da UE.

A representante da Xunta explicou nunha entrevista na Radio Galega que o Goberno central debe buscar aliados para paralizar este despropósito, que entraría en vigor o próximo 9 de outubro, e facer que o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, rectifique. “Debe dar un paso atrás ante o malestar do sector e a contestación social e revisar a aprobación dese regulamento de execución cos últimos datos e informes dispoñibles”, indicou Rosa Quintana.

A titular de Mar subliñou ademais que a Comisión Europea excede con esta normativa o marco no que se ampara para a súa posta en marcha, un regulamento do ano 2016. Esa norma conxelaba a pegada pesqueira, polo que se entende que non se poden ampliar nin reducir as zonas autorizadas a faenar, algo que non ocorre neste caso. De feito, ese regulamento permitiu traballar á frota con normalidade nos últimos seis anos.

Por iso, en caso de que as xestións políticas no Consello de Ministros de mañá non dean froitos, Galicia defende a necesidade de que España recorra esta prohibición ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea e solicite a súa suspensión temporal, pois a súa entrada en vigor sería un golpe mortal para a frota. A conselleira lembrou que o Goberno central conta co apoio unánime tanto das comunidades autónomas afectadas -Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía- como do sector pesqueiro, polo que non se entendería que o Goberno central non recorrese esta medida ante a Xustiza.

A representante do Executivo galego incidiu en que o Estado é o que está lexitimado para presentar ese recurso e que todas as autonomías contribuirían na busca de argumentos xurídicos e datos cos que xustificalo.

Rosa Quintana apelou á necesidade de que os tribunais sexan conscientes de que este veto tería un gran impacto nunha actividade económica fundamental para a produción de alimentos de calidade. “Nun momento no que tanto falamos do cambio climático, non se pode esquecer que a obtención de proteína mariña ten unha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica ao tempo que estamos ante un sector que vén acreditando que traballa axustado ás normas establecidas no seo da UE”, indicou.

Nesta liña, salientou que desde 2012 a maioría de caladoiros nos que faena a frota galega está en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS), o que significa que o volume de capturas actual garante a continuidade da actividade no futuro.

Contactos
Ante esta situación, Galicia segue a manter contactos con outras comunidades autónomas afectadas co obxectivo de facer unha fronte común contra a decisión adoptada por Bruxelas. Neste sentido, a titular de Mar anunciou que a próxima semana se celebrará unha xuntanza en Santander das catro comunidades do Cantábrico -Galicia Asturias, Cantabria e País Vasco- máis Andalucía para mostrar unidade no rexeitamento ao regulamento da Comisión Europea e exixirlle que rectifique.

Rosa Quintana lembrou que Bruxelas non aportou ditames biolóxicos nin socioeconómicos que sustenten a súa proposta, unha falla de argumentos sólidos que fai que a decisión se estea a adoptar en base a datos parciais e sen actualizar. Galicia defende que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e lamenta que o Executivo comunitario dea prioridade ás teses medioambientalistas por enriba das aportadas polos científicos e o propio sector.

Exit mobile version