A conselleira do Mar compareceu no Congreso dos Deputados para expoñer as propostas e demandas galegas sobre a lei estatal de pesca sostible e investigación pesqueira
A representante do Executivo galego subliñou que non é o momento máis oportuno -en plena crise pola covid-19, os prezos dos combustibles e a guerra en Ucraína- para abordar unha reforma normativa deste calado, pero expuxo que Galicia sempre apostou pola cogobernanza co sector e que esta nova lei debería ter afondado máis neste eido.
De feito, Rosa Quintana lembrou que a comunidade conta cunha proposta de ditame do Consello Galego de Pesca que recolle as principais reivindicacións do sector pesqueiro galego e que, nas suxestións, coincide en boa medida coas trasladadas polo Consello de Estado no seu informe sobre o borrador de lei. Esas demandas da proposta de ditame do Consello Galego de Pesca son as que expuxo a conselleira na súa intervención.
Nas cuestións xerais da norma, a titular de Mar debullou aqueles aspectos que poden debilitar a xestión e ordenación do sector marítimo-pesqueiro como a falta de concreción e seguridade xurídica da propia lei, malia ser un dos obxectivos que se marcara o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á hora de iniciar a súa redacción.
Neste sentido, botou en falta que certos criterios de decisión estean detallados no texto, posto que a nova lei deberá convivir coa anterior, o que pode xerar maior dispersión normativa e falta de claridade, como xa advertiu o Consello de Estado. Nesta liña, lamentou que non haxa maior detalle en aspectos como a promoción da remuda xeracional, a adecuación ao cambio climático ou o apoio á cogobernanza da actividade.
Oportunidade
A representante da Xunta tamén incidiu en que -aínda recoñecendo a necesidade de actualizar unha norma que ten dúas décadas de vida- o momento actual non é o máis idóneo para reformular unha lei deste calado. Nos últimos anos o sector viuse obrigado a afrontar as dificultades derivadas da pandemia pola covid-19 e agora as operativo-económicas polo encarecemento da enerxía, das materias primas e a guerra en Ucraína.
No mesmo sentido, a conselleira mostrou as súas dúbidas sobre a oportunidade de renovar a lei estatal de pesca a escasos meses de que -malia as reticencias da Comisión Europea- se aborde a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), cuestión que España apoia. Galicia, lembrou, conta tamén cun ditame do Consello Galego de Pesca coas súas reivindicacións neste eido, unhas cuestións que tampouco están recollidas, ou non na medida axeitada, na nova normativa estatal.
A análise galega do texto bota en falta ademais unha maior coordinación no labor das distintas administracións, velando pola non invasión de competencias das comunidades autónomas, e contido que realce a investigación pesqueira. Malia que este aspecto está citado directamente no título da norma, o seu desenvolvemento é escaso e apenas aumenta a coordinación ou integración do sector na consecución de mellor información e base de actuación para a ciencia.
En canto a cuestións de contido, Rosa Quintana lamentou a ausencia de equilibrio na lei entre os aspectos ambientais, económicos e sociais, premisa que recolle a propia PPC. A norma elaborada polo Goberno central recolle na súa exposición de motivos dez veces máis contido sobre a función ambiental que sobre a socioeconómica.
O sector pesqueiro galego tamén discrepa en gran medida dos preceptos sobre a regulación das cotas individuais ou dereitos de pesca e advirte de que introducir cambios no modelo actual de xeito pouco rigoroso pode supoñer riscos para a seguridade xurídica dos armadores, da operativa dos barcos e de todo o tecido produtivo vencellado a eles.
Nesta liña, Galicia cuestiona que o texto deixe aberta a posibilidade de que se poidan modificar as reparticións de cotas individuais xa realizadas así como as de posibilidades de pesca adicionais dunha determinada especie. Así, considera necesaria a incorporación de mecanismos que impidan a acumulación de cotas e o seu uso de xeito meramente mercantil e especulativo e propón fórmulas para evitalo como a limitación da porcentaxe total a dispoñer por un buque ou acoutar temporalmente a cesión de cotas unha vez retirado un buque da actividade.
A titular de Mar avogou pola realización de estudos conducentes a coñecer as causas reais que levan á existencia de excedentes de cotas que non aboquen ao sector pesqueiro a situacións monopolísticas que chocarían coa libre competencia.
Reserva cotas
Rosa Quintana tamén advertiu da oposición da frota galega aos mecanismos de reserva de cotas incluídos polo Estado ao considerar que o límite do 10% das cotas é excesivo, polo que avoga por situalo entre o 3% e o 5% para reducir o impacto desta medida no sector. Neste sentido, a Xunta encargou a elaboración dun informe xurídico sobre a consideración e os dereitos de pesca como ben demanial, posto que esa reserva supón deixar conxelado un potencial rendemento económico considerable.
Outro dos asuntos nos que Galicia considera necesario realizar unha revisión é nos coeficientes redutores para a xubilación dos profesionais do mar, por considerar insuficientes as melloras introducidas. A comunidade defende que a modificación dos coeficientes redutores debería realizarse nunha norma específica e facer unha revisión xeral da aplicación dos coeficientes así como a súa intensidade en cada segmento de frota ou actividade.
A conselleira concluíu incidindo na importancia e complexidade de elaborar un texto legal deste calado, polo que ofreceu toda a colaboración do Executivo galego e do sector da comunidade para traballar de xeito construtivo a prol dunha normativa acorde ás necesidades e que permita avanzar na cogobernanza e coxestión dos recursos mariños.