Francisco Martínez “Quico” (Cabañas Raras, 1925) uniuse á actividade guerrilleira en 1940, na súa condición de enlace. Nestes primeiras, Quico formou parte como o resto da súa familia da coñecida como guerrilla de chan, a estrutura que posibilitou como rede de apoio aos guerrilleiros a loita contra o fascismo. A este respecto, lembra que “o pobo axudou porque había unha motivación. A guerrilla en Galiza xorde desde o primeiro momento co apoio de familiares, de amigos, da sociedade. Era unha guerrilla que non estaba á marxe da sociedade. O feito de vivir co pobo, a túa motivación, que é política, é unha escola permanente”.
Quico viuse obrigado a subir ao monte en 1947, unha vez que foi descuberta a súa actividade política. Neste sentido, fixo parte da II Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza, encadrado nunha unidade da que fixeron parte fuxidos míticos como Girón. Nesto sentido, sinala que “ eu incorporeime no Bierzo en 1947. Pouco despois tivemos unha xuntanza en Monforte, en Chavaga, onde tivo lugar o enfrontamento coa Garda Civil a caída. Alí fixemos a nosa adhesión, eramos da Federación de Guerrillas, que se extinguía por unha serie de razóns, onde teño que dicir que eu non estou de acordo con moitas versións históricas que se dan sobre aquela extinción, que falan de loita de hexemonías. O que houbo foi que naqueles anos xa non había perspectivas de intervención militar estranxeira en España e abríanse opcións diferentes”.
O veterano guerrilleiro e a historiadora francesa Odette Martínez repasar na súa palestra os capítulos máis destacados da loita guerrilleira na Mariña, achegando Martínez información sobre aqueles referentes da guerrilla mariñá que tratou nos anos de clandestinidade. Unha clandestinidade que rematou en 1952, canda cun grupo de compañeiros abandonou o Estado para o exilio francés, onde permaneceu até a morte do ditador, Francisco Franco. Actualmente, Quico significase pola súa loita en defensa da memoria da guerrilla e da recuperación da experiencia de loita antifascista.