Burela, 20 de setembro, 2022. Desde o pasado día 16 e ata o 30 de setembro, o alumnado do IES Perdouro pode visitar unha exposición sobre a aportación de Ediciós do Castro á historia da literatura galega infantil e xuvenil.
O fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias, informará o alumnado este xoves 22 sobre o contido da exposición e sobre o labor de seu pai, nesta ocasión, fundamentalmente no desenvolvemento editorial da literatura dedicada á infancia e á mocidade.
A exposición trata sobre a idea de crear unha editora dentro da empresa que Isaac Díaz Pardo dirixía, o contexto cronolóxico no que medra esta proposta empresarial e cultural, os inicios da literatura infantil e xuvenil en galego, a importancia de Memorias dun neno labrego e doutras publicacións de Ediciós do Castro e a autoría das ilustracións e das obras que viron a luz con este selo editorial.
A mostra, organizada pola Asocialción galega do libro infantil e xuvenil, está composta por 10 paneis que ata o día 30 de setembro se poderán visitar na biblioteca do IES Perdouro.