Lourenzá, 21 de setembro de 2022. Este sábado, día 24, comeza unha nova edición da Ruta da Faba de Lourenzá, iniciativa que acaba de ser premiada polo Consello Provincial de Turismo. Os interesados en facer este percorrido turístico e gastronómico este sábado poden inscribirse ata o venres.
A técnica de Turismo do Concello de Lourenzá, Justa Rodríguez, explica que “agora que está saíndo a faba fresca facemos esta primeira ruta da tempada, que continuará con outras en outubro e novembro, en datas que concretaremos en breve. O percorrido, que será en autobús, empezará ás 10 da mañá en Vilanova de Lourenzá e rematará ás seis da tarde. E as prazas son limitadas a 20 persoas”.
A ruta inclúe visitas guiadas ao mosteiro e á igrexa de San Salvador, ao Museo de Arte Sacro, ao Centro de Interpretación da Faba e ao Pazo de Tovar, así como paseos pola área recreativa do Muíño do Pereiro e polo Mirador da Valiña. Tamén hai degustacións gastronómicas de Faba de Lourenzá e outros produtos típicos da zona e visita ás instalacións da cooperativa Terras da Mariña, onde os participantes verán o proceso de envasado das fabas.
O prezo é de 50 euros por persoa e inclúe todas as entradas aos lugares que se visitan, as degustacións, o desprazamento en autobús e o seguro.
As inscricións poden facerse a través do teléfono 646.384.124 ou do correo electrónico lourenzaturismo@outlook.es.