A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda para estas tarefas de control da biomasa cun investimento de máis de 2,2 M€
Santiago de Compostela, 25 de setembro 2022. A Xunta comezará este luns novos traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas ao seu paso polas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense.
No marco destas intervencións, a vindeira semana iniciaranse estas tarefas na AC-102 ao seu paso por Cerdido, na provincia da Coruña; e na estrada LU-162, entre Ferreira do Valadouro e Cangas de Foz, na provincia de Lugo.
Na provincia de Ourense, comezarán novos traballos nas estradas OU-212, nos municipios de Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; ou na OU-536, no Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo e Castro Caldelas.
Ademais proseguirán as limpezas que xa se veñen desenvolvendo nas últimas semanas na LU-160, en Mondoñedo e no Valadouro; na LU-751, en Ribeira de Piquín; na OU-801, en Padrenda; na OU-171, no Carballiño e no Irixo; ou nos distintos tramos das vías CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5, ao seu paso polos concellos de Moaña e Cangas.
Control da biomasa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.
Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.
Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.
Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.