As modalidades deportivas anunciadas son rutas en bici, tenis e patinaxe lúdico
Burela, 9 de setembro de 2022. O Concello de Burela informa da apertura do período de inscrición para as Escolas Deportivas do próximo curso 2022-2023, que será do luns 26 ao mércores 28 de setembro.
Como en anteriores anos, as actividades ofertadas son rutas en bici, tenis e patinaxe lúdico. Nas rutas percorrerán sobre rodas distintos puntos do concello, establecendo dous grupos por nivel e idades, luns e mércores de 15:30 a 17 horas. O pavillón dos Castros será o espazo onde se desenvolva a escola de tenis todos os martes de 15:30 a 16:30 horas. Neste mesmo lugar tamén se impartirá patinaxe lúdico os xoves de 15:30 a 17:30 horas, con dous grupos de traballo de máximo 15 persoas.
A ficha de inscrición, que se pode atopar na web municipal, deberase entregar xunto coas fotocopias do DNI do pai/nai/titor legal e do Libro de Familia do 26 ao 28 de setembro na Casa da Xuventude en horario de 10:30 a 14 horas, onde tamén haberá a disposición fichas de inscrición. A adxudicación de prazas farase por rigorosa orde de inscrición, e a partir do xoves 29 de setembro farase pública na Casa da Xuventude a lista de persoas admitidas.
As cotas de inscrición son de 6 euros por mes e actividade, 48 euros polo total dos oito meses de curso. O xustificante de pago presentarase o 29 ou 30 de outubro, e en calquera caso, toda a documentación deberá estar entregada antes do inicio do curso.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, informou da apertura do prazo animando “a participar nas actividades deportivas que o concello promove coa intención de fomentar o deporte desde idades tempranas e cunha aposta continuada no tempo en modalidades que completan a ampla oferta dos clubes e asociacións de Burela”.