Foz, 26 de setembro, 2022. Este venres día 30 de setembro ás oito e media da tarde, na Libraría Bahía de Foz acollemos un novo encontro literario dentro do programa AFINIDADES ELECTIVAS que promove o Ministerio de Cultura.
A charla será entre Xesús Fraga e Noemí Sabugal.
Xesús Fraga é autor, entre outras, da novela VIRTUDES E MISTERIOS que recibeu o premio nacional de narrativa no 2021. Unha novela que nos achega a realidade da migración galega a través do relato da saga familiar do propio autor. Neste caso as mulleres migrantas teñen un papel protagonista e revelador dunha realidade femenina moitas veces agochada no relato da emigración.
Noemí Sabugal é autora, tamén entre outras, da obra LOS HIJOS DEL CARBON, unha crónica sobre a minería do carbón en España. Un relato áxil e ameno, moi ben construido e moi documentado, que nos desvela coma se de unha novela se tratase, as historias que hai detrás de cada mina. Minas que fóron no seu día eixe central e organizador económico, social e cultural da vida nas concas mineiras ata o día de hoxe na que logo de diversos procesos sempre traumáticos, están pechadas na súa práctica totalidade.
Un encontro pois entre unha autora e un autor que rescatan a memoria familiar e colectiva, tráennola á actualidade e nola contan dun xeito engaiolante.