O rexedor contou que “neste pleno ordinario, que celebraremos o vindeiro luns, son varios os asuntos de interese que se tratarán. O primeiro deles é a toma de posesión do concelleiro electo polo BNG David Rivas Peña, que vai substituír á compañeira Mari Luz Álvarez Lastra, que renunciou á acta na anterior sesión da Corporación”.
Fernando Suárez explicou que “un dos puntos que abordaremos nesa sesión plenaria é a solicitude para que o noso Concello siga a ser un referente en materia de rehabilitación de vivenda e polo tanto solicitar a adhesión a un novo programa financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para a anualidade 2022 destinado as áreas de Rinlo e Ribadeo, coordinadas coa Xunta de Galicia e co Estado”.
O alcalde dixo que “outro dos puntos é o convenio de colaboración co veciño Concello de Trabada no tocante ao subministro de auga a varias parroquias dese concello a través da acometida municipal de Ribadeo, que toma a auga precisamente desde o río Eo, no lugar de Vilarbetote. Trátase dun novo paso para normalizar e afianzar os compromisos mutuos de boa vecindade que redundan sempre na mellora dos servizos públicos para os veciños e para as veciñas.Tamén outro convenio, neste caso cos Concellos de Barreiros, Trabada e A Pontenova, orientado a accións contra as adiccións ás drogas, especialmente, da xente moza”.
Suárez Barcia seguiu a relatar que “outro dos puntos é a nova solicitude dun novo proxecto europeo, que coñecemos como Life Global, e sería xa a terceira candidatura pois as dúas anteriores non acadaron a puntuación necesaria para obter o financiamento comunitario. Este proxecto segue a estela do Life Fluvial, que está a rematar, e co que se expropiaron nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza e para actuacións medio ambientais. De aí que se substituísen eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz. Agora trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar, na parroquia da Devesa, singularmente no que é o entorno das Catedrais, e tamén en Rinlo e máis en Vilaframil. En definitiva, proponse a compra de 25 parcelas que ocupan unhas catorce hectáreas no seu conxunto. A finalidade é lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona”.