Ribadeo, 7 de setembro de 2022. A xunta de goberno concedeu licenza de obra para a intervención estrutural, reparación de cuberta e fachadas da Torre dos Moreno. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que tras esta actuación o edificio poida lucir o esplendor que tivo a principios do século XX.
O rexedor dixo que “xa explicamos que ultimamente algo se está a mover en Ribadeo para ben. Desde o punto de vista urbanístico, ben sexa de vivendas de nova construción, de novas actividades económicas ou de rehabilitacións de inmobles existentes. E de todo isto tivemos na Xunta de Goberno de onte”.
Sobre inmobles residenciais Fernando Suárez explicou que “demos a licenza de obra para o proxecto básico de construción dun edificio para 13 vivendas e dous locais comerciais na Avda. de Asturias-esquina coa Rúa San Francisco. Este edificio terá baixo, dúas alturas e máis o baixo cuberta. Agora o seguinte paso será que os propietarios presenten o proxecto de execución para poderen empezar as obras. E tamén outorgamos licenza de obra para a construción de dúas novas vivendas unifamiliares na vila e en Piñeira, así como a rehabilitación integral doutra en Vilaselán”.
O alcalde ribadense seguiu a relatar que “ademais para ir resolvendo aquelas cousas que non se plantexaron ben nun inicio, onte tamén demos a autorización para as obras necesarias para cumprir a normativa de acceso a persoas con mobilidade reducida na discoteca da Rúa Vilalba. Agora terán que presentar o proxecto global que recolla todos os cambios normativos vixentes na actualidade. E unha vez cumprido isto, poderán abrir con todas as garantías”.
Fernando Suárez subliñou que “finalmente, e non menos importante, logo de moitos anos, logo de moitos problemas, moitas horas dedicadas cos técnicos municipais, logo de ter todos os parabéns da Comisión de Patrimonio Histórico de Lugo e logo de ter que ir en cinco ocasións, por fin, onte demos a licenza de obra ao proxecto de execución para a Intervención estrutural, reparación de cuberta e fachadas da Torre dos Moreno. Estas obras contemplan, entre outras, actuacións de reparación da estrutura e do saneado de cubertas e de todas as súas fachadas. Os materiais de recuperación das fachadas van ser similares aos do morteiro de cal, que ten actualmente o edificio, e tamén os materiais de cuberta serán os mesmos que os do edificio actual. Tamén se vai proceder á colocación de novas carpinterías exteriores, dado o pésimo estado das actuais, e en todo caso a intervención non vai modificar a volumetría do edificio orixinal”.
Suárez Barcia engadiu: “agora a empresa propietaria da maioría do edificio xa pode empezar cando o desexe as obras de rehabilitación deste edificio icónico de Ribadeo. Agardamos que dentro de non moito, este edificio poida lucir o esplendor que tivo a principios do século XX, e por riba de todo, que coa súa rehabilitación poidamos asegurar a seguridade pública necesaria tanto na contorna da Rúa Villandrando como na Praza do Cantón”.