O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “continuando desde o Concello con esta serie de actuacións que levamos facendo nestes últimos anos para mellorar o noso concello, neste caso na vila, nunha parte do centro urbano que estaba deteriorada por mor de sucesivas de reparacións, de fugas, etcétera, como é a rúa Luz Pozo Garza e unha parte da rúa Virxe do Camiño, a que está máis próxima ao Xardín de Indianos e a propia capela da Virxe do Camiño”.
O rexedor contou que “de aí que acabamos de asinar un convenio económico extraordinario moi importante con esta outra administración que tanto nos axuda, que é a Deputación de Lugo. É para un proxecto que redactamos duns 184.000 euros, para renovar o pavimento das beirarrúas e a capa de aglomerado de toda a calzada da rúa Luz Pozo Garza e tamén para implementarlles novas tubaxes de abastecemento de auga e nova canalización de saneamento e unha nova rede de alumeado xa fixada con criterios de LED. E na rúa Virxe do Camiño, fronte ao Xardín de Indianos, vaise substituír o pavimento existente dunha beirarrúa, que está absolutamente deteriorado e é moi perigoso, e vanse renovar tamén as farolas existentes e o sistema de alumeado, que se atopa fóra de servizo desde hai anos. E tamén na marxe contra a capela da Virxe do Camiño vanse substituír e ampliar as beirarrúas existentes, así como vai haber unha nova sinalética vertical e horizontal”.
Suárez Barcia engadiu que “acabamos de asinar este convenio e poñerémonos inmediatamente coa licitación destas importantes obras, que van mellorar significativamente todo ese entorno que se encontraba certamente desdeixado desde hai anos”.
Ata a zona se desprazaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e a deputada provincial e concelleira de Obras, Mónica Freire.