Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausura do proxecto Burela IN cunha xornada de posta en valor das iniciativas promovidas polas entidades sociais, sector pesqueiro e concello

Na xornada de clausura inaugurouse a exposición itinerante de A Mariña Sen Plástico coa colaboración de entidades de inclusión social, que estará na Casa da Cultura de luns a venres de 11 a 13, e de 18 a 20 horas

Burela, 28 de setembro de 2022. O Concello de Burela vén de clausurar o proxecto Burela IN, unha iniciativa promovida a través da Delegación do Mar e Servizos Sociais que fomentou a economía circular mediante a colaboración de entidades de inclusión social, sector pesqueiro e Concello de Burela ao longo de dúas anualidades.

A xornada final reuniu ás entidades participantes para poñer en valor todo o traballo realizado e subliñar “a satisfacción de ver todas as accións xa rematadas e a implicación social nun momento no que é prioritario dar apoio ao sector pesqueiro, e tamén agradecer a todas as asociacións de corte social que traballan en Burela de xeito excepcional”, afirmou o alcalde, Alfredo Llano.

Foron entidades colaboradoras do proxecto Burela IN a Fundación Eu Son, a Asociación Saúde Mental A Mariña, Afan, A Mariña Sen Plástico, as Redeiras Cabo Burela, o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, a Asociación Tá en Artes, Neira Brochs, a Confraría de Pescadores, a Fundación Expomar, os artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, a Consellería do Mar e o Galp Mariña-Ortegal, que financia este proxecto.

A concelleira de Servizos Sociais e Mar quixo destacar que “na xornada final a intención foi que todos eles ocuparan un lugar principal por ser os protagonistas, agradecéndolles enormemente o seu compromiso con esta iniciativa que se cadra ten máis valor aínda nestes días duros para o sector pesqueiro”, explicou, incidindo na necesidade de “crear redes entre toda a sociedade para facer unha fronte común e que todas e todos nos sintamos parte do que somos: unha vila que vive do mar e que loita por crear un futuro sostible compartido por todas as persoas e integrando todas as realidades”.

A Casa da Cultura acolleu esta última xornada cun espazo habilitado para a exposición de produtos elaborados polas entidades de inclusión social, así como a mostra itinerante de A Mariña Sen Plástico que se poderá visitar de luns a venres en horario de 11 a 13 e de 18 a 20 horas.

Deron a benvida aos asistentes o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o presidente do Galp A Mariña-Ortegal, Javier Martínez, o deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Roberto García, e o xefe territorial de Lugo da Consellería de Política Social, Javier Vázquez.

Realizouse unha mesa redonda coa presenza de representantes do propio concello, así como das entidades de inclusión social participantes, A Mariña Sen Plástico e Redeiras Cabo Burela. Proxectouse o vídeo do Burela IN e, para finalizar a xornada, autoridades, participantes e veciños contemplaron a exposición coordinada por A Mariña Sen Plástico, e tamén visitaron a obra dos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, situada na contorna do porto de Burela.

Desde o Concello fixeron unha valoración moi positiva do Burela IN e das “sinerxias creadas entre todos os colectivos e entidades que participaron, involucrándose dunha forma exemplar e, por unha banda, concienciando á sociedade do importante de respectar o medio ambiente mariño e costeiro, e por outra, embelecendo o pobo con obras artísticas e mostras que aproveitan os recursos e refugallos derivados das actividades do mar e pesqueiras para demostrar que se lles pode dar unha segunda vida”.

Exit mobile version