O Deputado de Participación Cidadá, o Alcalde focense e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro inauguraron este xoves a exposición, que estará aberta ata o día 15 de setembro no CENIMA
Roberto García Pernas destacou no acto a importancia de apoiar iniciativas dende a institución provincial que permitan “dar visibilidade e poñer en valor o traballo que levan a cabo as persoas con discapacidade nas empresas, pero tamén o papel das propias empresas, un aspecto moi importante para lograr a súa inclusión plena, en igualdade de condicións, a nivel social e laboral”.
“Esta colaboración forma parte da nosa aposta polas políticas sociais, que son xa unha sinal de identidade da Deputación de Lugo. O noso compromiso neste sentido, moitas veces suplindo as responsabilidades doutras administracións, visualízase ben nas cifras dos Orzamentos, dos que dedicamos máis dun terzo, 34M€, a este tipo de accións”, valorou o Deputado.
A exposición permanecerá aberta en Foz ata o 15 de setembro, logo de pasar polos concellos de Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e A Fonsagrada. O CENIMA é a penúltima parada da mostra, que rematará a súa itinerancia pola provincia a finais de setembro no Pazo de San Marcos, cando tamén se organizará unha xornada de formación sobre os Centros Especiais de Emprego que será aberta á cidadanía.
García Pernas animou á veciñanza a visitar esta exposición, que demostra que “estes traballadores e traballadoras son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”. Agradeceulle, así mesmo, ao Concello a súa colaboración e dispoñibilidade para acollela e felicitou a Cegasal polo traballo “fundamental que desenvolve par aa inserción laboral das persoas con capacidades diferentes”.
Cegasal
Cegasal é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e risco de exclusión social. Actualmente, Cegasal conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que polo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.
Na provincia de Lugo, Cegasal conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha vintena de persoas con capacidades diferentes.