Desde o venres 16 ao xoves 22 de setembro alternaranse propostas distintas en colaboración con multitude de asociacións da localidade e comarca
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira delegada de Medio Ambiente, Toñi Eijo, anunciaron esta programación sumándose por 15º ano consecutivo á principal campaña de sensibilización impulsada pola Comisión Europea nesta materia, coordinada a nivel nacional polos Ministerios para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) e de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA). A iniciativa responde á promoción de cambios de comportamento na poboación en favor da mobilidade activa e outras alternativas de transporte limpas e sostibles.
Segundo afirmou a edil Toñi Eijo, “presentamos un cartel moi completo de actividades que amosa a aposta decidida que ten este goberno por cuestións medioambientais, agradecendo sempre a colaboración de todas as entidades e asociacións que participan desta semana e suman esforzos para dar visibilidade a outras formas de transporte menos contaminantes, ao exercicio físico e ás pautas de alimentación saudables”, explicou. Así mesmo, o rexedor subliñou que “Burela é un dos poucos concellos galegos que organiza unha semana completa de actividades ao redor da mobilidade”.
A programación deste ano 2022 outorga certo protagonismo á bicicleta como medio de transporte alternativo cun sorteo que consiste en visitar sobre as dúas rodas o stand do concello situado en distintos lugares un mínimo de 4 días para optar a gañar unha cea en Boasmigas valorada en 100 euros. Dito stand que ha de visitarse para participar no sorteo “Eu na bici” estará ubicado o venres 16 e luns 18 na praza do Concello; o sábado 17 e domingo 18 na praza da Mariña; o martes 20 na praza do Mariñeiro e na praza do Concello; o mércores 21 nas prazas do Concello e Mariña; e xoves 22 na estación FEVE e praza do Concello.
O programa de actividades da Semana Europea da Mobilidade comezará en Burela o venres 16 coa iniciativa “andando ao colexio” para o alumnado de 4º de primaria do Ceip Vista Alegre, a exposición dun automóbil 100% eléctrico na praza do Concello, unha clase aberta de ximnasia rítmica e posterior exhibición e un ensaio aberto da SCR Ledicia.
O sábado 17, as monitoras da aula Gaia realizarán un obradoiro infantil para aprender a preparar o almorzo dun xeito saudable (inscricións no 982580867). Realizarase a ruta xeolóxica da Marosa con inscrición previa, unha xornada de portas abertas a cargo de “Yoga Galicia” no paseo marítimo da praia do Cabaliño e tamén pola mañá unha sesión de Happy Dance na praza do Concello e xadrez na rúa coa Asociación de Xadrez Reyes y Peones na Praza da Mariña. Xa pola tarde, farase unha exhibición de Nihon Taijitsu (defensa persoal) e Taiji Quan (taichi), continuando cun obradoiro de manualidades e a actuación de ACM Dambara.
As rúas Pardo Bazán (entre Eijo Garay e Lamestra) e Curros Enríquez (entre Rosalía de Castro e Castelao) estarán pechadas ao tráfico desde as 8 da mañá ata as 20 horas da tarde deste domingo 18 de setembro. Realizaranse así xogos deportivos ao aire libre, haberá inchables, pintacaras, xogos tradicionais e unha ruta ciclista co Clube Ciclista de Burela.
A partir das cinco da tarde tomarán o relevo “As encaixeiras” palillando na rúa e a praza da Mariña acollerá unha mesa informativa coa participación de Mujeres en Igualdad, AECC, Asociación Saúde Mental A MAriña, Asociación Contra o Cancro de Burela, Asociación Camiña e AFAN. Rematarase a xornada cunha chocolatada, un taller de manualidades, clases de zumba, a actuación de Batuko Tabanka e a Festa da espuma.
O luns 19 será o alumnado de 4º de primaria do Ceip Virxe do Carme o que se sume ao programa “Andando ao colexio”, nun inicio de semana no que se habilitará un circuíto de educación vial na praza do Concello, que permanecerá ata o xoves 22.
Ademais, o martes 20 impartirase unha charla de educación vial sobre as normas, comportamentos e seguridade nas vías públicas para alumado de 4º de primaria dos Ceip Vista Alegre e Virxe do Carme guiado por persoal da DXT. Ao día seguinte, mércores 21, a charla irá encamiñada a aprender máis sobre as normas básicas de circulación para a rapazada de 1º da ESO dos Ies Perdouro e Monte Castelo. Este mesmo día tamén haberá un ensaio aberto ao público de Arume na praza da Mariña.
O último día da semana da mobilidade celebrada en Burela, xoves 22 de setembro, asistirán ao Circuíto de Educación Vial a Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son e a Asociación Camiña, finalizando a programación co sorteo da campaña “Eu na bici” na praza do Concello, que concluirá toda esta semana de actividades.