Lugo, 26 de setembro de 2022. A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo valorou a boa resposta da veciñanza á primeira edición do FestivalEo de Alimentación Sustentable que se celebrou durante a fin de semana en Ribadeo, co apoio da institución provincial.
Unha vintena de produtores e produtoras de alimentación e artesanía da Mariña e do Occidente asturiano venderon e deron a coñecer os seus produtos no mercado ubicado na Praza de San Francisco, onde tamén se desenvolveron diferentes obradoiros e coloquios sobre preparacións culinarias e hábitos de consumo saudable, cunha alta asistencia das persoas que visitaron o mercado.
Mónica Freire sinalou que “o éxito desta primeira edición supón un reforzo para as produtoras e produtores que participaron no mercado e tamén para o proxecto Eo Alimenta no que institucións e colectivos de produtores e consumidores traballamos conxuntamente para promover o consumo de alimentos de proximidade e avanzar cara a soberanía alimentaria”.
O evento reuniu unha vintena de producións agrarias e artesáns, así como proxectos asociativos que traballan no ámbito do consumo e da sensibilización ambiental. Así, estiveron presentes Son de Lugo, As Fadegas, Ribeiregas, El Cabillón, El Bosque de Wayra, Breogainas, Acueo Ostras del Eo, Grupo de Consumo As Grelas, La Casa Azul, Fundación Edes, Argaia Biocosmética, Artesana Sana, Observatorio Mariña Pola Igualdade, Ferrado Marelo, Colmenas do Navia Eo, Quiastolita, Ecohorta Da Costa e Eólicos Na Mariña, Así Non.