Site icon Crónica3.com A Mariña

As comunidades do Cantábrico e Andalucía únense na defensa da frota ante a ameaza que supón o veto á pesca de fondo

Rosa Quintana salienta que a aplicación desta normativa vai ter un impacto inmediato no sector e complicará a actividade dos buques xerando unha maior competencia polo peixe e a sobreexplotación dos recursos

Santander, 30 de setembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro cos responsables en materia pesqueira de Cantabria, País Vasco, Asturias e Andalucía para crear unha fronte común na defensa do sector pesqueiro ante a ameaza que supón o veto á pesca de fondo para o seu futuro. As comunidades do Cantábrico e Andalucía analizaron as repercusións que esta medida pode ter na frota e constataron a necesidade de traballar unidos como país na defensa dos intereses dos buques que faenan no caladoiro nacional e en augas comunitarias.

De feito, as cinco autonomías acordaron enviar unha carta ao Goberno central solicitando unha reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para avaliar esta cuestión e trasladarlle o apoio do conxunto dos Gobernos autonómicos á presentación dun recurso contra o regulamento de execución que veta a pesca de fondo, para o que aportarían os argumentos técnicos e xurídicos que sexan necesarios.

A titular de Mar defendeu que, ante a negativa de Bruxelas a rectificar e paralizar a entrada en vigor desta prohibición -que saíu publicada no Diario Oficial da Unión Europea o pasado 19 de setembro e comezará a aplicarse o 9 de outubro-, España debe presentar canto antes ese recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea posto que hai base xurídica suficiente para facelo e Bruxelas actuou de mala fe nesta cuestión.

Rosa Quintana lembrou que os pescadores son os primeiros interesados en que o estado dos recursos pesqueiros sexa bo, para garantir o futuro da actividade, e que a pesca permite poñer a disposición da sociedade alimentos da máxima calidade cunha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica, polo que é dos sectores máis respectuosos co medio ambiente. Nesta liña, cuestionou que a Comisión Europea adopte unha medida de tal calado sen un equilibrio entre os aspectos medioambientais -con informes que non sustentan ese dano do que se fala- e os socioeconómicos, que nin sequera foron avaliados.

A titular de Mar destacou a necesidade de realizar as xestións necesarias, en paralelo á presentación do recurso, co obxectivo de facer presión en Bruxelas e acadar unha moratoria de dous meses que permita ao sector manter a actividade polo menos ata o Nadal, cando o peixe acada mellores prezos. Esa moratoria serviría tamén para que o Executivo comunitario puidese revisar a medida avaliando os novos datos, tanto científicos como de impacto socioeconómico, que haxa dispoñibles.

Impacto inmediato
Nesta liña, Rosa Quintana salientou que, de non conseguirse esa moratoria, o impacto na frota vai ser inmediato pois complicará a actividade da frota xerando unha maior competencia polo peixe e a sobreexplotación dos recursos. A representante da Xunta apelou á unidade das comunidades autónomas e ao traballo conxunto co Goberno central na defensa do sector ante unha medida que pode ter un impacto na economía galega de ata 816 millóns de euros e afectar a máis de 4.400 tripulantes.

A maiores da conselleira do Mar, na xuntanza participaron, entre outros, o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de Cantabria, Guillermo Blanco; o viceconselleiro de Agricultura, Pesca e Política Alimentaria do País Vasco, Bittor Oroz; o director xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias, Francisco José González; e a conselleira de Agricultura, Pesca, Auga e Desenvolvemento Rural de Andalucía, Carmen Crespo.

Precisamente, a conselleira do Mar agradeceu a rápida resposta do resto de comunidades á chamada de Galicia para manter unha reunión na que analizar o veto á pesca de fondo e especialmente ao conselleiro cántabro, que se ofreceu inmediatamente como anfitrión e a súa comunidade como punto de encontro.

Exit mobile version