Os traballos obrigarán ao corte completo da estrada durante un prazo de 3 meses dende o vindeiro martes, 27 de setembro
O mandatario provincial subliñou que as actuacións terán unha repercusión social moi importante pola mellora da seguridade e a comodidade de viandantes e peóns.
O proxecto consiste na ampliación da ponte de Feve, coa instalación dunha pasarela voada, mellorando a seguridade viaria, tanto de condutores como de peóns, o aglomerado en quente da estrada e a construción de beirarrúas.
Para iso, será preciso demoler a parte superior da estrutura sobre o Feve, onde se situarán dúas cimbras aos dous lados da estrutura para evitar o material da vía. Tamén se colocará lousa sobre a estrutura, colocándolle varandas e elementos de separación que protexan ao tráfico peonil do rodado, sendo un importante avance en seguridade viaria.
Este proxecto tamén será moi relevante porque inclúe a reposición dos servizos municipais existentes de abastecemento e saneamento, e a dotación de beirarrúas na marxe esquerda da estrada.
Tamén con ánimo de avanzar en seguridade viaria, o proxecto contempla a construción de pasos elevados para os peóns, e o pintado da vía con marchas reflexivas brancas e sinalización vertical.
O prazo de execución dos traballos é de un ano, aínda que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, poderán estar rematados antes.
O Presidente subliña que este proxecto “responde a unha necesidade amplamente demandada, tendo en conta que a estrada é moi frecuentada pola veciñanza, sobre todo rapaces e rapazas que acoden aos adestramentos no campo de fútbol municipal que se sitúa ao pé da vía do tren, onde con noite ou mal tempo faino especialmente perigoso cando se cruzan vehículos e peóns”.
Estas obras de mellora obrigarán a cortar a estrada provincial durante 3 meses, a partir do seu inicio, que está previsto para o vindeiro martes, 27 de setembro. Para causar o menor prexuízo posible aos condutores, instalarase sinalización informativa e habilitaranse os desvíos correspondentes.
Melloras na estrada provincial de Ribadeo a Trabada por Arante
O Presidente anunciou tamén que a Deputación mellorará outra estrada en Ribadeo, en concreto, a LU-P-5204, que comunica Cedofeita con Regocorto por Arante, e chega a Trabada. Unhas obras que renovarán o firme entre os puntos quilométricos 2,780 e 3,600 e que teñen un prazo de execución de un mes. A Deputación de Lugo inviste neste proxecto preto de 40.000€.
Os traballos inclúen a reapertura de cunetas, eliminando vexetación e os aterramentos e desatascando as cunetas para facilitar a evacuación de augas cando chove. Tamén se vai pavimentar con aglomerado en quente o treito, o que resultará nun firme máis resistente e regular, o que aumentará a comodidade e a seguridade na condución. Unha vez estea finalizada a pavimentación, procederase a pintar a vía con marcas reflexivas brancas.
Estas obras beneficiarán a centos de veciñas e veciñas que utilizan esta vía para comunicarse con varias parroquias do interior de Ribadeo, e tamén para desprazarse cara Trabada e outras zonas do interior da provincia.