Dende ADEGA pedimos á Xunta que rexeite a nova ampliación da balsa e se ateña ao recrecido autorizado en 2006 que fixaba unha cota máxima de 100 m para o dique principal.
Non está en absoluto xustificado que Alúmina Española S.A. queira ampliar de novo a balsa e demorar outros 4 anos o seu peche, releando o cumprimento das súas obrigas ambientais. Todo para seguir refinando a bauxita, exportando alúmina e usando o territorio galego unicamente como vertedoiro. Máis de 40 anos cunha espada de Damocles sobre a Mariña son máis que suficientes.
Proxecto de peche, unha obriga historicamente ignorada pola Xunta e a empresa
O primeiro que nos chama a atención da documentación exposta a consulta pública é o feito de que Alúmina presente como dous proxectos condicionados a nova ampliación do depósito de lamas vermellas e a clausura deste. A ampliación da balsa resposta á estratexia empresarial de alongar a vida útil da balsa mentres produce alúmina, mais o proxecto de selado é unha obriga imposta pola lexislación mineira. De feito, para os recrecementos históricos autorizados previamente (en 1986, 1995 e 2006) a empresa non achegou ningún proxecto de peche. O primeiro do que tivemos noticia foi presentado en 2014 e modificado en 2015 e 2019, mais nunca se fixo público porque a Xunta denegou a ADEGA o acceso ao documento en xullo de 2020 por estar “en curso de elaboración”.
Outro detalle importante é o feito de que as estimacións da vida útil da balsa (25 anos) logo do último recrecemento autorizado (2006) fallaron estrepitosamente. Segundo a documentación do actual proxecto, Alúmina di que se a Xunta non autoriza esta última ampliación, só podería encher a balsa outros 4 anos (até 2026?) e por iso quere engadirlle 3,4 anos máis (até 2030?) co último recrecido.
As piores eivas do proceso de obtención de aluminio fican en Galiza
A actividade actual da empresa cínguese unicamente á produción de alúmina a partir da bauxita, xa que a fundición de aluminio está parada. O proceso de transformación da bauxita en alúmina é a principal fonte das lamas vermellas que son depositadas na balsa que de novo se pretende ampliar. Na fatoría de Alúmina Española S.A. desenvólvese pois un proceso industrial, a obtención de alúmina para a exportación, moi intensivo na xeración de efluentes contaminantes, nomeadamente lamas vermellas e augas con altos contidos de flúor.
Como xa temos denunciando a Xunta permitiulle á empresa na AAI (Autorización Ambiental Integrada) tanto para a fábrica de alúmina como para a de aluminio, sobardar o volume máximo de verteduras e superar os límites de contaminantes, nomeadamente o flúor, fixados na lexislación. Agora que xa non se produce aluminio decae o argumento utilizado pola Xunta para seguir concedendo excepcións, e a fatoría de San Cibrao non debería seguir gozando de prebendas administrativas para contaminar. O complexo está a deixar en Galiza o pior do proceso metalúrxico do aluminio, fabricando e exportando alúmina para que noutros países obteñan o aluminio sen ter que xestionar as lamas vermellas. Tras máis de 40 anos de contaminación continuada, xa é momento de pensar na clausura da balsa e non no seu recrecimento.
Pechar a balsa de lamas vermellas con todas as garantías
O novo proxecto de recrecido da balsa e o selado definitivo precisarán dunha enorme operación de movemento de terras (máis de 3 millóns de toneladas) mentres as lamas vermellas continuarán a verterse no vaso. Logo de acadada a cota final 103, aproximadamente arredor de 2030, pecharase e cubrirase con xabre e terra vexetal, debendo manter os controis dos parámetros fisico-químicos, xeotécnicos e ambientais cando menos até o ano 2060.
Porén, ADEGA detectou na documentación do proxecto preocupantes contradicións e sinais de que a empresa tenta rebaixar as súas obrigas de control, cuestionando por exemplo a categoría do depósito (o que influiría na duración da post-clausura) ou xogando coas frecuencias das mostraxes.
Asemade en cando ás garantías financieiras Alúmina Española S.A. indica que para recrecer o dique non precisa constiruir garantía algunha xa que “la explotación minera de la que porcede la bauxita a beneficiar no se halla en el espacio económico europeo”. Outra proba máis de que a empresa pretende usar o noso territorio unicamente como vertedoiro para as súas operación de refino fuxindo das súas responsabilidades, mesmo financeiras, ás que obriga a lexislación mineira.