Foz, 23 de setembro de 2022. AciaFozCCA sorteará 2.000 euros en premios na campaña que desenvolverá do 29 de setembro ao 29 de outubro. Denomínase Este mes compras gratis no comercio de Foz.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “os clientes o que teñen que facer é cubrir os boletos que lles entregarán nos locais asociados con cada compra que fagan por un importe superior aos 10 euros entre o 29 de setembro e o 29 de outubro. E logo teñen que estar pendentes de Radio Foz o día 4 de novembro, que será a data na que faremos o sorteo de 2.000 euros en vales ce compra para gastar durante o mes de novembro”.
Paleo subliña que “o que queremos con esta campaña é dinamizar o comercio e a hostalería nos meses de outubro e de novembro”. Este mes compras gratis no comercio de Foz sorteará 6 premios de 100 euros, 2 premios de 200 euros, 1 premio de 400 euros e 1 premio de 600 euros.
O presidente de AciaFozCCA presentou a campaña este mediodía xunto ao alcalde, Fran Cajoto, con quen mantivo un encontro no que falaron do verán, das vindeiras campañas a realizar e das preocupacións das asociadas e dos asociados a AciaFozCCA. O presidente do colectivo empresarial focense valora en máis de 6000 euros os premios para estes dous meses: “en outubro estarán en activo en Foz dúas campañas e o vindeiro mes de novembro serán catro as campañas que potenciarán o comercio local, ademais das xornadas gastronómicas na hostalería. Son todas actividades anteriores á campaña de Nadal”.
O alcalde, Fran Cajoto, indicou que “parécenos moi importante a acción que está a levar a cabo Acia de Foz. Cremos que é mais necesario que nunca apoiar ao comercio local, especialmente fora da temporada de verán, cando triplicamos poboación”. O rexedor manifestou: “por iso estas campañas, que conseguen atraer clientes, son sempre unha boa nova. Ademais axudan a que mais xente se achegue a Foz e tamén o coñeza. O Concello participa activamente coa asociación de comerciantes local”.
Fran Cajoto lembrou que “no ano 2020 duplicamos a subvención que viña recibindo a Acia pasando de 15.000 a 30.000 euros para paliar os efectos do covid. Esa cantidade mantivémola no ano 2021 e tamén no 2022. Esta é a forma de colaborar, financiando esta campaña e outras que promove a asociación focega e que axudan tanto aos comerciantes, que non deixan de ser veciñas e veciños de Foz”.
Todas as campañas que se levarán a cabo nas vindeiras semanas, organizadas por AciaFozCCA, contan co patrocinio do Concello de Foz e da Xunta de Galicia.