Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta rematará no verán de 2023 a mellora do saneamento de Celeiro

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, e do Mar, Rosa Quintana, supervisaron hoxe en Viveiro esta intervención que se está comezando a executar e que, xunto coas obras da Xunta na depuradora municipal, completan o saneamento integral da ría

Viveiro, 12 de setembro de 2022. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta rematará no verán de 2023 a mellora do saneamento de Celeiro, culminando un investimento de 8 M€ para garantir a calidade das augas da ría de Viveiro.

Vázquez Mourelle, xunto coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe en Viveiro esta actuación, cuxas obras se están comezando a executar e que inclúen a execución dunha nova condución de vertido submarino. Esta intervención, unida á mellora da depuradora de Viveiro, que xa está a piques de rematar, permitirá completar o saneamento integral da ría.

Ethel Vázquez explicou que os traballos comezaron hai unhas semanas, logo dun longo proceso para conseguir a autorización de Costas do Estado.

As intervencións programadas, nas que a Xunta está a investir preto de 4M€ permitirán solucionar os problemas da rede de saneamento do núcleo de Celeiro, incorporando as súas augas á depuradora de Viveiro e renova o emisario actual, executando unha nova condución de vertido submarino.

Segundo explicou, agora mesmo Celeiro conta cunha rede de saneamento unitaria, que recibe as augas residuais urbanas, pluviais e as de orixe industrial, que reciben só un tratamento primario na mesma zona que a depuradora de Viveiro. Isto provoca que a auga tratada pola estación depuradora de augas residuais se mesture á saída coa auga simplemente pretratada de Celeiro, incumprindo os parámetros de vertido.

A titular do departamento de Infraestruturas e Mobilidade apuntou que para resolver esta deficiencia do saneamento municipal de Viveiro executarase un bombeo cun tanque de tormentas de 650 m³ de volume útil, que substituirá o actual bombeo de pretratamento de Celeiro e desde o que se impulsará a auga cara á depuradora.

Ademais, estase a construír unha nova condución submarina que conectará co actual tramo terrestre e que funcionará por gravidade a través dunha cámara de carga situada a continuación da desinfección da estación depuradora de augas residuais.

Ethel Vázquez apuntou que as obras de mellora do saneamento de Celeiro, coas que a Xunta apoia ao Concello de Viveiro nunhas competencias de saneamento e depuración que lle son propias, están a avanzar a bo ritmo.

Precisou que nestas primeiras semanas xa se pode ver o avance na rede de Celeiro, onde se colocaron 75 m de tubaxe e dous pozos de rexistro; e no emisario submarino, ademais do traballo previo de inspección, construción e soldaxe de pezas, realizouse xa o lanzamento e fondeo dos dous primeiros treitos do novo emisario, que suman máis de 300 metros. A curto prazo continuarase co lanzamento, ata acadar o total de 858, coa dragaxe do fondo mariño e iniciarase a obra do depósito de retención.

No que se refire á mellora da depuradora de Viveiro, Ethel Vázquez incidiu na necesidade de mellorar esta infraestrutura municipal, que é clave para cumprir parámetros de calidade da auga que se verte á ría de Viveiro, e con isto, favorecer todas as actividades vencelladas ao mar: a pesca, a acuicultura, o turismo.

A Xunta está a investir outros 4 M€ nesas obras de ampliación da planta, co obxectivo de aumentar en case un 50% a súa capacidade de tratamento para que poida asumir as augas do núcleo de Viveiro, pero tamén incorporar as de Celeiro.

Ethel Vázquez fixo fincapé no avance desta actuación, que está ás portas do seu remate, coa obra civil practicamente rematada e ultimándose a montaxe dos equipos. Nestes momentos o novo pretratamento xa está funcionando, recibindo as augas procedentes de Celeiro, mentres que o novo tanque e o tratamento terciario están rematados e pendentes da ampliación de potencia.

Tamén detallou que a urbanización está moi avanzada, restando o cruzamento da estrada autonómica coa impulsión procedente de Viveiro, que rexistrará un gran avance na próxima semana, polo que ao longo do mes de outubro terase completamente finalizada a mellora da depuradora, que precisará dun mes máis para a posta en marcha, concretou.

Ethel Vázquez salientou que este conxunto de actuacións da Xunta, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, constitúen unha boa nova, xa non só para os veciños de Viveiro, senón tamén para os profesionais do mar, representados hoxe na visita ás obras polo patrón maior e polo secretario da confraría.

A conselleira do Mar, pola súa banda, puxo en valor as actuacións que está a realizar a Xunta en Viveiro para mellorar o saneamento na ría pois contribúen a mellorar a calidade das augas en beneficio dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e do conxunto da cidadanía. As obras desenvolvidas neste eido polo Executivo galego desde 2009 permitiron mellorar a clasificación microbiolóxica de moitas zonas de produción do litoral de Galicia facilitando así o labor dos profesionais do mar.

Exit mobile version