A acción terá lugar o 11 de setembro na Casa do Concello
O programa deste curso aborda unha serie de nocións teóricas e prácticas sobre as particularidades da alimentación e nutrición apícolas. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende formar aos apicultores no coñecemento das necesidades da alimentación das abellas, na identificación dos mellores alimentos e na elaboración dos mesmos. Así mesmo, os asistentes realizarán un taller práctico que consistirá na elaboración das súas propias recetas.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 954, ou enviarse un correo a maria.carmen.rego.martinez@xunta.es.