A actuación enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 M€ para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos
O proxecto, financiado ao 70% pola Xunta e ao 30% polo Concello, pretende conservar os muros de contención, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos. De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica. Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.
A zona axardinada representará unha balea feita con lombeiros de terra vexetada. A balea delimitarase con aceiro corten. A maiores, demolerase a beirarrúa do lateral nordés e pavimentarase igual que a rúa.
As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.