Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta executa obras de mellora da eficiencia enerxética no colexio Juan Rey de Lourenzá, ás que destina 311.400€

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que os traballos inclúen a renovación da carpintería exterior, o illamento da fachada e a instalación de iluminación LED que reduce o consumo

Lourenzá, 2 de setembro de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a executar obras de mellora da eficiencia enerxética no CEIP Juan Rey de Lourenzá, ás que destina preto de 311.400 euros (311.385 euros).

Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, durante unha visita ao centro para comprobar as actuacións, entre as que destaca a substitución de portas e ventás por unhas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos, de seguridade e con cámara de aire intermedia. Terán apertura oscilobatente para facilitar a ventilación e tamén se inclúe a substitución das caixas de persianas.

Así mesmo, incorpórase illamento na cuberta e cámbianse os equipos de iluminación por outros tipo LED de menor consumo, con regulación luminosa e detectores de presenza na zona administrativa, nas aulas, na biblioteca e no comedor. Nos tres últimos espazos tamén se colocará falso teito acústico.

Tamén se inclúe a instalación falso teito nos aseos; substitución dos radiadores en mal estado; reparación de pequenas avarías en tubaxes e pintado dos paramentos interiores nos que se actúa pola substitución de carpinterías. Ademais, na escaleira de acceso principal colócase unha pérgola similar ás existentes no colexio. As obras comezaron no verán para avanzar ao máximo durante as vacacións escolares e está previsto que rematen a finais de setembro.

Arias destacou que a Xunta estuda as necesidades dos centros educativos da provincia de Lugo “e planifica tanto pequenas obras para emendar as deficiencias propias do paso do tempo, como actuacións de maior contía co fin de converter os colexios e institutos en espazos multifuncionais, más sostibles, ventilados e seguros desde o punto de vista sanitario, aplicando os criterios do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”, indicou.

Exit mobile version