O obxectivo é adquirir e restaurar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio
Deste xeito, o concello de Curtis disporá de preto de 225.000 euros, A Pontenova contará con 150.000 euros, Dozón recibirá máis de 37.000 euros e a Ponteareas asignaráselle case 790.000 euros en préstamos sen xuros que deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos.
O obxectivo destes fondos é adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. E, ademais, o Goberno galego incide no seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e axeitada.
Cómpre lembrar que este fondo de cooperación para a rehabilitación naceu hai seis anos cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e nas convocatorias de 2017 a 2021 concedéronse préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros a un total de 23 concellos. Finánciase con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.
Ademais a través deste instrumento de financiamento a Xunta contribúe a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios dos inmobles desatendan as súas obrigas dado que a normativa vixente permite aos municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas.