Maite Ferreiro explicou que a iniciativa pretende “divulgar os nosos símbolos, como expresión da nosa identidade e parte do noso patrimonio cultural”
Lugo, 16 de setembro de 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo distribuirá entre asociacións culturais, centros educativos, bibliotecas e outros espazos públicos de lectura exemplares dun caderno divulgativo sobre o himno e a bandeira de Galiza e unha interpretación do himno na súa versión orixinal.
A publicación inclúe artigos dos profesores e investigadores Manuel Ferreiro e Xoan Costa, que se achegan a estas creacións desde unha perspectiva histórica. No seu traballo, Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña e máximo especialista e investigador da obra de Eduardo Pondal, dá conta da orixe, historia e creación do himno, e avalia a calidade literaria do poema “Os Pinos”. Tamén documenta as alteracións e erros que se foron transmitindo e argumenta a necesidade de recuperar a letra orixinal. Xoan Costa, pola súa banda, fai un recorrido histórico sobre a conformación da bandeira galega, desde as súas orixes, no século XIX, a partir da bandeira que identificara os integrantes do Batallón Literario de Santiago, até a súa forma oficial actual.
O caderno, coordinada por Vía Galega, está ilustrada con reproducións dos murais de Eduardo Pondal e Pascual Veiga -autor da música do himno- deseñados por Concepto Circo para a escalinata da Ronda das Fontiñas, en Lugo.
Ademais de colaborar na edición e distribución do caderno, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsou a gravación dunha interpretación do himno na súa versión orixinal, tal como se publicou en 1890. Compoñentes do grupo vocal Sólo Voces e do grupo instrumental Lucus Ensemble interpretaron a partitura nunha sesión dirixida por Fernando Gómez Jácome e rexistrada por Arturo Vaquero.
110 anos da primeira interpretación do himno en Galiza
O himno galego nace a partir dun certame convocado para ese fin polo Orfeón Coruñés en 1890, dirixido polo músico mindoniense Pascual Veiga. A convocatoria incluía unha sección dedicada á composición, cun premio á mellor “marcha galega” escrita para orfeón sobre o texto do poema “Os Pinos” de Eduardo Pondal. Os versos do vate, coas indicacións rítmico-musicais de Pascual Veiga, deron orixe á peza, recollida na súa versión orixinal no folleto do certame.
O primeiro valedor da composición foi Xosé Fontenla Leal, quen suxeriu o seu uso como himno oficial nos actos do Centro Galego da Habana. A primeira interpretación solemne realizouse o 20 de decembro de 1907 en Cuba, no Gran Teatro da Habana, para honrar a memoria de Pascual Veiga finado en 1906 en Madrid. Segundo se recolle no artigo de Manuel Ferreiro, a primeira interpretación pública e solemne en territorio galego fíxose en Mondoñedo o 17 de setembro de 1912, coincidindo coa traslación dos restos mortais do músico á súa cidade natal.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro lembrou que “ademais de celebrar esta efeméride, coa distribución deste caderno e da interpretación do himno contribuímos a popularizar e divulgar os nosos símbolos, como expresión da nosa identidade e parte do noso patrimonio cultural, e propiciamos tamén o coñecemento dos feitos históricos e do contexto en que se foron configurando”.