Burela, 16 de setembro, 2022. O Parador Costa da Morte, en Muxía (A Coruña), acolle esta fin de semana a décima e última etapa da campaña “Orixe & Destino Galicia”, coa que a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo promociona a pescada do pincho da lonxa de Burela (Lugo) a través dos restaurantes da rede de Paradores situados en diferentes rutas do Camiño de Santiago.
A “Merluza de Burela” toma o ‘Camiño de Fisterra e Muxía’ para poñer fin as súas “Rutas Xacobeas” 2022 e achegarse ao punto que durante centos de anos se considerou como a última esquina da terra.
O restaurante do Parador Costa da Morte ofrece ata o domingo 18 de setembro a receita “Pescada do pincho de Burela, ameixa de Carril, muselina de cabaciña e leituga de mar”.
Esta campaña denomínase “Orixe & Destino Galicia” porque a pescada do pincho parte desde a lonxa de Burela e volve a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través de dez etapas. Unha completa volta ao mapa de España desde a “Orixe”, no porto de Burela hai dez semanas, ata o “Destino”, de novo Galicia despois de percorrer 4321 quilómetros e visitar dez paradores de turismo, nove rutas xacobeas do Camiño de Santiago e nove provincias de oito comunidades autónomas.
Desde Santiago de Compostela ata Muxía percorrendo boa parte da xeografía española: Vic-Barcelona (Camiño Catalán), Gibralfaro-Málaga (Camiño Mozárabe), Trujillo- Cáceres (Vía da Prata), Chinchón-Madrid (Camiño de Madrid), Sigüenza-Guadalaxara (Ruta da La), Calahorra-A Rioxa (Ruta do Ebro), Lerma-Burgos (Camiño Francés) e Baiona-Pontevedra (Camiño Portugués).
Esta campaña, que se inclúe no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP, combina a calidade do produto pesqueiro de Burela, coa colaboración de Armadores de Burela, a gastronomía de Paradores e os roteiros do Camiño de Santiago.