Marina Oural Villapol (Lourenzá, 1968) é directora, docente e produtora. Filla e neta de labregas/os, de nena quería estudar coreografía. Técnico en Relacións Públicas, traballa no Coliseum de A Coruña para a Concellaría de Cultura e Deporte e crea o seu propio gabinete ATANA (A Coruña 1993-2009), producindo contextos para colectivos, concellos e Xunta de Galicia ao tempo que imparte aulas desta profesión en diferentes escolas. No 2009 disolve a vida na cidade e volve á aldea natal laurentina. Alí atópase de cheo coa psicóloga e cantora Ugia Pedreira; comezan dúo artístico ao tempo que co-fundan a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, espazo asociativo de creación e pedagoxía para a diversidade funcional, artística e colaboración en rede con colectivos locais e internacionais así como servizos para outros artistas compositores, como Guadi Galego ou Cristina Pato.
Na PerformanceArt 1faba1vida (2013) integra seus textos feitos cancións por A Pedreira, obra coa que actúan en diferentes programacións culturais de Galicia, Asturias e Portugal. No 2018 gana o Premio Luisa Villalta de proxectos culturais, outorgado pola Deputación de A Coruña, pola dirección e creación de juana_Inspiracións/Docencia, Poesía_Danza_Música, proxecto inspirado na poeta uruguaia e filla de pai galego de Lourenzá Juana de Ibarbourou; con dirección musical de Chefa Alonso e Irene Álvarez Coto na danza. Polo vínculo entre Rosalía de Castro e a “poeta de América” nace Rosas Negras, poesía en concerto a dúo coa saxofonista galega, participando en diferentes festivais de Galicia e Madrid.
En 2021 escribe e estrea no Festival Maré de Santiago de Compostela Maleducadas, inspirada na poeta e música Luisa Villalta, con Nacho Muñoz ao piano con electrónica e Chefa Alonso no saxo e percusión. Ao tempo participa en diferentes contextos artísticos ou pedagóxicos ligados ao cultivo da cultura de proximidade e universal.