Viveiro, 6 de setembro de 2022. O Concello de Viveiro informa que a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro vén de recibir un dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo. Concretamente, esta tradición viveirense recibiu o galardón na categoría ‘…E para comer, Lugo’ á gastronomía lucense.
Este premio, que cumpre este ano a súa terceira edición, conta con outras dúas categorías, Lugo Cambia ao turismo lucense e Turismo Sostible. Os galardóns outorgados pola Deputación de Lugo entregaranse nunha gala o próximo 27 de setembro, Día Mundial do Turismo.
A candidatura desta festa fora presentada polo propio Concello de Viveiro, co obxectivo de aumentar o recoñecemento da celebración. “Este premio confirma de novo a relevancia da Festa da Merluza do Pincho de Celeiro, consolidada como un atractivo turístico e gastronómico a nivel galego”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
A Festa da Merluza do Pincho de Celeiro pon en valor a este produto, pescado artesanalmente polos barcos locais. Durante a celebración, prepáranse uns 800 kg de merluza que se degustan en distintas elaboracións. Ademais, o Concello de Viveiro colabora coa organización da festa.
“Agradecemos o esforzo dos veciños e veciñas, especialmente de Celeiro, e das entidades que colaboran nesta festa cada ano, en especial á ACD Penalba de Celeiro, impulsora da festa, cuxo traballo permite obter este tipo de recoñecementos”, finaliza a rexedora.