Site icon Crónica3.com A Mariña

A FCAM amosa o seu apoio ao sector pesqueiro da Mariña e adhírese ao manifesto feito público pola Xunta

A Mariña, 27 de setembro de 2022. A Federación de Comercio A Mariña amosa o seu apoio ao sector pesqueiro e adhírese ao manifesto feito público pola Xunta de Galicia Pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas. O documento estará a disposición da clientela dos negocios asociados á FCAM.

O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, asegura que “todos os asociados e asociadas da Federación de Comercio A Mariña recibirán este manifesto en defensa do sector pesqueiro, que é tan importante para a nosa comarca. A industria nos últimos anos foi a menos e está nunha situación delicada. A Mariña e a súa economía vanse resentir moito si agora a pesca queda seriamente tocada con eses plans da Unión Europea”.

Paleo sinala que “temos dous portos pesqueiros moi importantes, Burela e Celeiro, contamos con piscifactorías na nosa comarca e o marisqueo tamén é unha fonte de ingresos para moitas familias, entón non podemos permitir que isto vaia a menos. Temos que loitar por un sector forte no que as políticas pesqueiras e ambientais vaian da man, sen que unha prevaleza sobre a outra”.

O presidente da FCAM engade que “agardamos e esiximos altura de miras á Unión Europea e un respecto para un sector que ten un peso moi importante no PIB de España e de Galicia”.

O manifesto estará a disposición da clientela dos establecementos asociados á FCAM  e das persoas en xeral para a recollida de firmas en apoio do sector pesqueiro: “estará nos mostradores dos nosos locais para que quen o desexe poida asinar na defensa dun sector que é moi importante para a nosa comarca”, indica José Carlos Paleo.

Exit mobile version