Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Europa azul en risco”, por José Manuel Balseiro

Días despois de publicado o novo Regulamento da Unión Europea que veta a pesca de fondo en 87 áreas das augas comunitarias, seguimos sen entender a mala fe e a falta de transparencia de Bruxelas en aprobar unha decisión deste calado.

Atopámonos ante un veto á actividade pesqueira feito sen o aval de estudos científicos sólidos, sen unha análise seria do impacto social e económico desta medida e sen consultar ao sector. Estamos, unha vez máis, ante unha decisión escorada do lado das obsesións ecoloxistas máis radicais.

O veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas é un erro histórico e un golpe moi drástico para a nosa frota. De feito, pon en risco o futuro inmediato duns 200 barcos de capital galego e podería acabar repercutindo en arredor dun milleiro, se contamos os prexuízos indirectos desta decisión.

Por iso resulta especialmente acaído que Galicia e o seu sector pesqueiro vaian da man e amosen a Madrid a necesidade -imprescindible- de presentar un recurso contra esta normativa comunitaria, contra unha norma que ameaza o futuro do sector. Todo apunta a que a xudicial é a única vía que queda, toda vez que a política e a técnica, aportando datos, non deu os froitos agardados.

Con todo, a presión política non debe decaer. O Partido Popular buscará a semana que vén, no Pleno do Parlamento de Galicia, impulsar un novo acordo que reflexe o sentir unánime de todas as forzas políticas e do sector que reclama a Bruxelas unha rectificación sobre o veto á pesca con artes de fondo e a necesidade de que, como condición mínima, poidamos evitar a súa entrada en vigor o próximo mes de outubro.
Comprometémonos a impulsar todas as accións que estean na nosa man para frear este delirio ambientalista que, unha vez máis, parece esquecer que os profesionais do mar son os primeiros interesados en desenvolver unha actividade sostible e medioambientalmente responsable para que a pesca teña futuro.

Europa nin pode nin debe renunciar á súa alma azul, a defender a riqueza e importancia que o mundo do mar e da pesca representa para os cidadáns dos países membros, e o papel que a pesca ten á hora de garantir unha alimentación sa e equilibrada.

Estamos e estaremos ao carón dos profesionais da nosa flota e, en particular, da flota da Mariña lucense afectada.

Jose Manuel Balseiro
Presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

Exit mobile version