Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reinicia esta semana o programa Coñece a túa provincia

Preto de 1.800 persoas de máis de 85 colectivos lucenses xa se beneficiaron en primavera da primeira parte desta segunda edición do programa provincial e para o outono xa hai outras 55 entidades coa viaxe planificada

Lugo, 10 de setembro de 2022. A Deputación de Lugo reiniciará esta semana a segunda edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. Son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar polo territorio en outono, dende o vindeiro martes 13 de setembro ata o mes de novembro. Preto de 1.800 persoas de máis de 85 entidades sen ánimo de lucro xa se beneficiaron en primavera desta iniciativa provincial.

As primeiras entidades beneficiarias serán a Asociación de Santa Comba de Órrea, de Riotorto, e a Asociación de San Martiño de Río, de Láncara. Os de Riotorto viaxarán o martes á Ribeira Sacra, onde comezarán o percorrido nunha adega de Amandi logo de facer parada no Pazo de San Marcos. Tamén visitarán un miradoiro para contemplar o Canón do Sil e navegarán polo río nun dos catamaráns da Deputación de Lugo. Os lancaraos coñecerán os segredos do Mazo de Santa Comba para logo poñer rumbo á Mariña; visitarán Fuciño do Porco e a praia da Abrela, no Vicedo, coñecerán a área etnográfica da Ínsua, a praia viveirense de Covas e a fervenza do Xestosa no concello de Ourol.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliñou que as persoas que xa participaron na iniciativa “valoraron dun xeito moi positivo a experiencia, e agardo que esta segunda parte que temos por diante sexa tamén satisfactoria para todos”.

“Estamos ante un modelo que funciona e cumpre cos obxectivos: facer comunidade, favorecer que os nosos veciños e veciñas coñezan a súa propia provincia, o seu entorno máis próximo e, con iso, dinamizar a actividade do turismo, da hostalería e do comercio, así como consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”, destacou García Porto.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

Exit mobile version