A Voceira provincial socialista anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres esta liña de subvencións de concorrencia competitiva destinada a entidades asociativas da provincia co obxectivo de colaborar na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas. O prazo de solicitude abrirase tras a publicación da convocatoria no BOP
A Deputada detallou que hoxe se aprobaron as bases do programa, que sairán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), data a partir da cal se abrirá o prazo para solicitar as subvencións.
Poderán optar a estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos que dean servizo á veciñanza e que fomenten e dinamicen o asociacionismo veciñal.
Entre as actuacións subvencionables, García Porto enumerou a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.
A Voceira recalcou que con este o programa “queremos seguir reforzando a cooperación co tecido social da provincia”. “Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e isto é precisamente o que queremos con este programa: dotar de máis e mellores servizos ao noso rural para fixar poboación”, explicou García Porto.
Lugo Termal 2022-2023
A Deputación lanza unha nova edición do programa Lugo Termal, que se desenvolverá neste ano 2022 e no 2023. Trátase da edición número 12 desta iniciativa, a través da que a institución provincial ofrece descontos a veciños e veciñas da provincia maiores de 50 anos e aos seus acompañantes para facilitar o acceso aos establecementos termais da provincia e a recibir terapias mineromedicinais.
O programa será para desfrutar nos tres balnearios na provincia: o Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón, que son os establecementos para os que, como nas anteriores edicións, se ofrecerán os descontos. “Con Lugo Termal, temos un dobre obxectivo: favorecer o benestar social e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía a través do impulso do termalismo, no que a nosa provincia é unha potencia”, explicou a Voceira socialista do Goberno.
Avanzou, así mesmo, que proximamente se aprobarán as bases que regulan o programa, onde irán detalladas as prazas que haberá nesta nova convocatoria para as modalidades con estancia e sen estancia. Será despois cando se abra o prazo para que a veciñanza da provincia se poida anotar. A previsión é que o programa Lugo Termal arranque en outubro e remate en xuño, como en edicións anteriores.
Convocatoria de emprego da Deputación
A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou as bases xerais que regulan, xunto coas bases específicas, os procesos selectivos que convoca a Deputación para o ingreso en prazas de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo na institución provincial. Son prazas incluídas na taxa adicional de estabilización de emprego temporal, cota xeral ou cota de reserva a persoas con capacidades diferentes.
García Porto detallou que este venres quedaron aprobadas as que se farán por sistema de concurso-oposición de acceso libre. Estas bases xerais, explicou, “garanten os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, e tamén de publicidade; establecen como sistema selectivo o concurso-oposición, e respectan a porcentaxe máxima de valoración na fase de concurso: un 40% para a fase de concurso e un 60% para a fase de oposición”.
A relación de prazas é a seguinte:
6 prazas como persoal funcionario de carreira de técnico de xestión (5 de cota xeral e 1 de cota de reserva para persoas con capacidades diferentes)
3 prazas como persoal funcionario de carreira de administrativo
1 praza como persoal funcionario de carreira de técnico de comunicación audiovisual
1 praza como persoal funcionario de carreira de técnico de turismo
2 prazas como funcionario de carreira de enxeñeiro técnico agrícola
1 praza como persoal funcionario de carreira técnico superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas
1 praza como persoal funcionario de carreira de técnico medio de microinformática e redes
1 praza como persoal funcionario de carreira de maquinista-condutor
2 prazas como persoal laboral fixo de maquinista condutor
3 prazas como persoal laboral fixo de peón de granxa
1 praza como persoal laboral fixo de peón de reparacións de vías provinciais
A Oferta de Emprego Público da Deputación de Lugo para o ano 2022 foi aprobada no mes de maio, e publicouse o 27 de maio no Boletín Oficial da Provincia. A Deputada explicou que se fixo seguindo o obxectivo de reducir a temporalidade no emprego público, segundo o establecido na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, impulsada polo Goberno do Estado.
“Unha lei moi importante que camiña cara un novo marco normativo que acabe coa alta taxa de temporalidade, e sobre o que sustentar un novo modelo de relacións laborais máis xusto e eficaz”, explicou. Ademais, indicou que esta é unha convocatoria pública de emprego “sen precedentes”, por varias razóns: unha polo elevado número de prazas, un total de 110; pola aposta decidida para incentivar o talento interno da institución e reforzar a progresión na carreira profesional das empregadas e dos empregados públicos; e porque é unha Oferta de Emprego Público acordada cos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación da Deputación”.
García Porto afirmou que “dende esta institución, ao igual que o Goberno central, temos un firme compromiso co emprego estable e de calidade, e co reforzo dos servizos públicos. Os traballadores e traballadoras públicos son o principal activo co que conta a Administración”.
Centros de Maiores
A Xunta de Goberno tamén avanzou en cuestións relevantes para a Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores. Quedaron adxudicados os contratos para as prestacións básicas da residencias de Pedrafita do Cebreiro e Castroverde. No caso de Castroverde, a empresa adxudicataria é As Rodas Vivenda Comunitaria S.L e o importe de adxudicación é de preto de 690.000€. En Pedrafita do Cebreiro, a adxudicataria é CK Senior Gestión S.L por 636.000€.
Trátase dun contrato por un ano, con posibilidade de realizar prórrogas anuais como máximo ata o 20 de xuño de 2026, e inclúe as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica para estas dúas residencias da Deputación: dúas das 7 que a día de hoxe ten en funcionamento.
En materia de contratos, tamén quedou adxudicada a póliza de responsabilidade civil para o persoal da Deputación por 45.000€ á empresa W.R. Berkley Europe AG. A duración deste contrato é por un ano, pero poderá prorrogarse de ano en ano, ata un máximo de 4 anos.
Hortos urbanos
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou unha convocatoria para adxudicar 9 hortos urbanos da Deputación que están dispoñibles no río Rato. Poderán presentar solicitude todas as asociacións ou persoas maiores de idade con residencia en Lugo ou concellos lindeiros que non convivan con beneficiarios doutros hortos ou que non posúan terreos no concello de Lugo con potencialidade de ser cultivados.
No caso de persoas físicas, terán prioridade para solicitar calquera destas parcelas as persoas desempregadas, aquelas cunha renda per cápita menor, familias numerosas ou xubilados. No caso dos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos.
Os interesados poderán presentar a documentación no Rexistro da Deputación de Lugo ou na Sede Electrónica da institución durante un prazo de 10 días, que se abrirá ó día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As autorizacións de uso outorgaranse con carácter gratuíto e por un prazo de dous anos, con posibilidade de prórroga.
Os hortos son individuais, teñen 30 metros cadrados. A Deputación ten agora adxudicados 141 hortos dos 150 que ten habilitados no Rato. “Percibimos moi boas sensacións das persoas e dos colectivos que os traballan, e tamén estamos moi contentos coas actividades formativas que se fan todos os xoves pola tarde. Vemos un gran interese por cultivalos e sentir o reconforto de recoller as legumes ou hortalizas plantadas para o autoconsumo. Os nosos hortos, ademais, son un lugar de encontro con veciños e veciñas da cidade con intereses semellantes e permiten que as persoas logren desconectar do seu día a día facendo unha actividade que lles gusta”, asegurou a Voceira socialista.
Premios Lugo Cambia
Na Xunta de Goberno desta mañá tamén quedaron aprobados de xeito definitivo os premios de turismo que fallou o Consello Provincial de Turismo. Os gañadores son:
– Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense: a asociación de veciños e veciñas de Vilachá de Salvadur, da Pobra de Brollón, a Ruta da Faba de Lourenzá e a Fundación Xosé Soto de Fión.
– Na categoría …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense: o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida de San Simón da Costa, a Feira do Butelo da Fonsagrada e a Festa de merluza do pincho de Celeiro.
– E na categoría Premio Turismo Sostible: o Glamping Cabana das Chousas.
A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro día 27 de setembro, coincidindo co Día Internacional do Turismo, no Salón de Actos da Deputación, ás 17.00h.
Lugo, 16 de setembro de 2022