Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación arrancou as obras de mellora da estrada de Vilela, en Ribadeo, ás que destina 524.000€

Os traballos obrigarán ao corte completo da estrada durante un prazo de 3 meses

Lugo, 28 de setembro de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que veñen de arrancar as obras para a ampliación e mellora da estrada provincial que une o núcleo urbano de Ribadeo e Vilela, a LU-P-5207, ás que a institución destina un investimento de 524.000€. José Tomé cumpre así co seu compromiso coa veciñanza de Ribadeo de acondicionar esta vía, nun treito que comprende dende o punto quilométrico 0,500 ao 1,129, que é o que discorre paralelo ao campo de fútbol ata a ponte de Feve.

O mandatario provincial subliña que as actuacións terán unha repercusión social moi importante pola mellora da seguridade e a comodidade de condutores, ciclistas e viandantes. “Son moi relevantes para este municipio porque van eliminar un punto perigoso, que podemos considerar punto negro porque por riba da vía de Feve non caben agora dous coches. Con estas obras, o paso quedará máis ancho e con garantías de seguridade”, explica. Esta vía é moi transitada pola veciñanza, pois conecta o centro de Ribadeo coa zona sur da localidade.

O proxecto consiste na ampliación da ponte de Feve, coa instalación dunha pasarela voada, mellorando a seguridade viaria, tanto de condutores como de peóns, o aglomerado en quente da estrada e a construción de beirarrúas. Para iso, será preciso demoler a parte superior da estrutura sobre o Feve, onde se situarán dúas cimbras aos dous lados da estrutura para evitar o material da vía. Tamén se colocará lousa sobre a estrutura, instalando varandas e elementos de separación que protexan ao tráfico peonil do rodado, sendo un importante avance en seguridade viaria.

Os traballos tamén serán moi relevantes porque inclúen a reposición dos servizos municipais existentes de abastecemento e saneamento, e a dotación de beirarrúas na marxe esquerda da estrada. Tamén con ánimo de avanzar en seguridade viaria, contémplase a construción de pasos elevados para os peóns, e o pintado da vía con marchas reflexivas brancas e sinalización vertical.

O prazo de execución dos traballos é de un ano, aínda que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, poderán estar rematados antes.

O Presidente subliña que este proxecto “responde a unha necesidade amplamente demandada, tendo en conta que a estrada é moi frecuentada pola veciñanza, sobre todo rapaces e rapazas que acoden aos adestramentos no campo de fútbol municipal que se sitúa ao pé da vía do tren, onde con noite ou mal tempo faino especialmente perigoso cando se cruzan vehículos e peóns”.

Estas obras de mellora obrigan a cortar a estrada provincial durante 3 meses. Para causar o menor prexuízo posible aos condutores, existe sinalización informativa e desvíos.

Melloras na estrada provincial de Ribadeo a Trabada por Arante
O Presidente anunciou tamén que a Deputación mellorará outra estrada en Ribadeo, en concreto, a LU-P-5204, que comunica Cedofeita con Regocorto por Arante, e chega a Trabada. Unhas obras que renovarán o firme entre os puntos quilométricos 2,780 e 3,600 e que teñen un prazo de execución de un mes. A Deputación de Lugo inviste neste proxecto preto de 40.000€.

Os traballos inclúen a reapertura de cunetas, eliminando vexetación e os aterramentos e desatascando as cunetas para facilitar a evacuación de augas cando chove. Tamén se vai pavimentar con aglomerado en quente o treito, o que resultará nun firme máis resistente e regular, o que aumentará a comodidade e a seguridade na condución. Unha vez estea finalizada a pavimentación, procederase a pintar a vía con marcas reflexivas brancas.

Estas obras beneficiarán a centos de veciñas e veciñas que utilizan esta vía para comunicarse con varias parroquias do interior de Ribadeo, e tamén para desprazarse cara Trabada e outras zonas do interior da provincia.

Exit mobile version