O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, subliñou que “se trata dun programa de rutas e actividades en torno á cultura e á natureza que durante esta edición dotará á Mariña Lucense dunha oferta turística complementaria suxerinte e ao aire libre, co obxectivo de axudar na dinamización da comarca durante o outono e provocar, ademais de que a propia poboación local poida descubrir mais aspectos sobre a súa comarca, escapadas de turismo interno de Galicia e comunidades autónomas próximas axudando na reactivación e dinamización do turismo fóra de tempada”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “esta terceira edición, que contará coa colaboración da empresa de turismo activo Volta Montana para a coordinación e execución, supón a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía e a paisaxe social da Mariña Lucense a través de 10 roteiros que se realizarán durante os meses de outubro e novembro nos concellos de A Pontenova, Xove, O Vicedo, Alfoz, Burela, Lourenzá, Barreiros,Trabada, Foz e O Valadouro. Estes concellos foron escollidos nun exercicio de compensación que define todas as edicións do proxecto”.
E indicou que “o proxecto ofrece propostas diferenciadoras, diversas e inclusivas, presentándose como un escaparate ideal para gozar con maior intensidade dos recursos da Mariña Lucense, visitando o noso patrimonio da man de expertos anfitrións, guías locais e experimentados no territorio como Pedro Rolle, Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Saúl Román ou Fran Canosa”.
Éxito da pasada edición
Cajoto aludiu ao éxito da anterior edición de A Mariña en Ruta: “o ano pasado A Mariña en Ruta resultou un auténtico éxito. Durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro do ano pasado, gozaron desta proposta 219 persoas, cubríndose aproximadamente o 90% das prazas dispoñibles. O 100% dos enquisados dixo que repetiría a experiencia, considerou que a iniciativa dinamizaba a oferta turística do territorio e que debería manterse no tempo. As valoracións aos guías, piar fundamental do proxecto, foron excelentes cunha puntuación media de 9,2 sobre 10; un 9,2 organización; e un 9,4 á iniciativa no seu conxunto”.
As procedencias dos participantes foi principalmente destas cinco provincias: Lugo (74,5%), A Coruña (15,7%), Madrid (7,9%), Ourense (1,06%) e Pontevedra (1,06%), a idade media do conxunto de 52 anos -aínda que este dato abarca dende os 26 ata os 75 anos-, e nun 60%, as participantes eran mulleres, amosando que o programa se adapta a unha tipoloxía de público de idades moi variadas.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “co elevado nivel de resposta obtido ao programa e datos de avaliación tan positivos, seguimos apostando por este proxecto en 2022, dando unha nova oportunidade á xente que se quedou sen desfrutar do noso territorio deste xeito especial e a outra nova, para que o descubra agora”.
A Mariña en Ruta desenvolverase os sábados de outubro e novembro así coma os festivos 12 de outubro e 1 de novembro. Os roteiros terán unha duración de 2 a 3 horas e poderán participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta Email: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49.
Rutas do mes de outubro
1. Sábado 8 – Ruta dos Fornos e Mina Consuelo, A Pontenova. Con Tirolina das Minas.
2. Mércores 12 – A pegadas do pasado na costa de Xove. Con Boris Vilar.
3. Sábado 15 – O Vicedo, porto das xentes do Norte. Con Boris Vilar.
4. Sábado 22 – Bateando ouro en Alfoz. Con Fran Canosa.
5. Sábado 29 – Burela, de asentamento castrexo a vila medieval. Con Lidia de la Fuente.
As actividades do mes de novembro daranse a coñecer en próximos días.
Outras actuacións desenvolvidas
Fran Cajoto lembrou outras das actuacións realizadas pola Mancomunidade ao longo dos últimos meses: “outra das actuacións levadas a cabo por parte de Mancomunidade co apoio da Xunta e da Deputación para a promoción do turismo na Mariña Lucense foi a actualización e reimpresión da guía do destino A Mariña Lucense ao descuberto (13.000 exemplares), do mapa – folleto A Mariña Lucense. Máxica por natureza (20.000 exemplares) e de 8.000 peanas con QR á guía pensadas principalmente para as habitación e zonas comúns dos aloxamentos do territorio. Estes locais poden pasar a recollelas polas oficinas de turismo municipais e no caso onde non exista este servizo nos propios Concellos”.
Así mesmo, dende a Mancomunidade tamén se avanza en varias liñas de actuación recollidas no Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense como poden ser as fases de análise e diagnóstico das actuacións relativas ao turismo deportivo e de natureza, o Camiño do Mar, sinalización e accións de promoción e consolidación do Turismo Slow Norte de Galicia, as Audioguías Ficcionadas e do propio destino.
No acto de presentación da terceira edición de A Mariña en Ruta participaron o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto; a deputada da Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas da Deputación de Lugo, Mayra García; a xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez; e Tania Hermida, axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade.