A edil delegada, Toñi Eijo, agradeceu a todas as entidades colaboradoras e a toda a veciñanza a participación e implicación nesta semana
A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, amosouse satisfeita co resultado da iniciativa destacando que “Burela é un dos poucos concellos que realiza unha programación completa ao longo dunha semana ao redor do Día da Mobilidade”, sendo este o 15º ano consecutivo que a localidade se suma á campaña de sensibilización impulsada pola Comisión Europea nesta materia, coordinada a nivel nacional polos Ministerios para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) e de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA).
Ademais, Eijo subliñou a “elevada participación en todas as accións desenvolvidas, agradecendo ao tecido asociativo a súa receptividade, a todas as entidades a súa colaboración desinteresada e a todos os veciños e veciñas a presenza e implicación nas actividades”, facendo fincapé na “boa disposición dos veciños coa redución do tráfico rodado no día que se cortou o tráfico, por exemplo”.
O gañador do sorteo “Eu na bici” foi Simón Chao Sánchez, obtendo unha cea en Boasmigas valorada en 100 euros logo de visitar o stand do concello ubicado en distintos puntos ao longo da semana. A concelleira de Medio Ambiente fixo entrega do vale e aproveitou de novo para agradecer a participación activa de todos os bureleses.