A edil delegada, Toñi Eijo, agradeceu a todas as entidades colaboradoras e a toda a veciñanza a participación e implicación nesta semana
Burela, 23 de setembro de 2022.- A Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela fai unha valoración moi positiva da Semana Europea da Mobilidade celebrada no municipio do 16 ao 22 deste mes, con máis de 30 actividades para todos os públicos e nas que participaron multitude de entidades da vila.
A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, amosouse satisfeita co resultado da iniciativa destacando que “Burela é un dos poucos concellos que realiza unha programación completa ao longo dunha semana ao redor do Día da Mobilidade”, sendo este o 15º ano consecutivo que a localidade se suma á campaña de sensibilización impulsada pola Comisión Europea nesta materia, coordinada a nivel nacional polos Ministerios para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) e de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA).
Ademais, Eijo subliñou a “elevada participación en todas as accións desenvolvidas, agradecendo ao tecido asociativo a súa receptividade, a todas as entidades a súa colaboración desinteresada e a todos os veciños e veciñas a presenza e implicación nas actividades”, facendo fincapé na “boa disposición dos veciños coa redución do tráfico rodado no día que se cortou o tráfico, por exemplo”.
O gañador do sorteo “Eu na bici” foi Simón Chao Sánchez, obtendo unha cea en Boasmigas valorada en 100 euros logo de visitar o stand do concello ubicado en distintos puntos ao longo da semana. A concelleira de Medio Ambiente fixo entrega do vale e aproveitou de novo para agradecer a participación activa de todos os bureleses.