Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG exixe a convocatoria inmediata do Consello Galego de Pesca e unha resposta unitaria ante o veto á pesca de fondo

A Mariña, 17 de setembro de 2022. A CIG exixe a convocatoria inmediata do Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país (partidos políticos, organizacións sectoriais, sindicais, sociais etc.) ante o golpe mortal que supón a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Norte, decretada pola Unión Europea.

A CIG reclama facer esta fronte común pero non só co obxectivo de demandar novos informes científicos ou iniciar preitos xurídicos que se prolongarán no tempo indefinidamente, senón para organizar unha acción social e política contundente “para que dunha vez por todas tanto a Xunta de Galiza, como o Goberno español, como Bruxelas saiban que significa para Galiza o sector pesqueiro”.

O responsábel de Mar da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, avanza que “ante a barbarie consumada polos burócratas de Bruxelas, novamente teremos que saír berrar a consigna que se repite dende hai anos en todas as mobilizacións en defensa do sector pesqueiro: nin a España nin a Europa lle importa a nosa flota”.

Estamos ante unha decisión política: eliminar a nosa flota ou non

Aboi critica que, nunha decisión política sen precedentes, a UE decida eliminar de golpe a pesca de fondo en 87 áreas de Portugal, Francia, Irlanda e o Estado español, a maiorías delas zonas nas que faena a flota galega, non só no Gran Sol senón tamén no noso litoral. A flota afectada non se limita ao arrastre de fondo e o arrastre, senón tamén a outras artes como o palangre ou as nasas.

Alén do feito de que sexa a UE quen decida sobre o futuro da nosa pesca, nin a Xunta de Galiza nin o Estado español están a exercer o poder político que teñen para frear esta agresión, eludindo as súas responsabilidades malia que esta medida xa se anunciou hai tempo. Ademais, engade Aboi, preténdese circunscribir esta decisión a unha cuestión científica “cando o que se debate é un tema político: se queren eliminar ou non a nosa flota”.

A este respecto, apunta á incapacidade do Goberno español e a súa falta de acción, tendo en conta que Bruxelas comunica o veto uns días despois de que o secretario xeral do PSdeG se reunira co comisario europeo de Pesca, anunciando tras dese encontro que se faría un novo informe científico. “Menos dunha semana despois, o que temos enriba da mesa é un veto”.

A CIG rexeita que se pretenda agora, coa máxima urxencia, eliminar máis de 1000 barcos, centos deles galegos, e destruír milleiros de empregos con todo o impacto socioeconómico que isto supón para as zonas costeiras de Galiza. Neste senso, Aboi denuncia a hipocrisía do discurso ecolóxico utilizado pola UE para determinar este veto (aludindo á necesidade de recuperar o fondo mariño),”cando esta mesma Unión Europea acaba de recoñecer a enerxía nuclear como enerxía verde ou cando permite, ampara e promociona (ao igual que a Xunta e o Goberno español) macro parques eólicos nos nosos bancos pesqueiros sen importarlle nin o impacto económico nin o ecolóxico, nin que se instalen nas zonas de recría para moitas especies mariñas.

Por todo isto, a CIG urxe a facer unha fronte común dende as administracións, as organizacións políticas, sectoriais, sindicais, etc. para reverter esta agresión, mais tamén lanza un chamamento á sociedade galega para que se mobilice e, de igual maneira que houbo que facer en ocasións previas, demostrar que sabemos defender os nosos sectores produtivos.

Exit mobile version